O servizo de salvamento e socorrismo da Coruña atendeu 1.300 incidencias no verán
O tenente de alcalde de Seguridade Ciudadana, Julio Flores, ofreceu esta mañá un balance do dispositivo de salvamento e socorrismo nas praias coruñesas. Dende o 15 de xuño ata o 11 de setembro os integrantes do dispositivo atenderon 1.308 incidencias. O Concello agradece a colaboración dos cidadáns á hora de seguir as indicacións e recomendacións dos socorristas, ao tempo que destaca o traballo realizado en materia de prevención nos areais da cidade.
Do total de asistencias realizadas, a gran maioría foron de limpeza e desinfección de feridas superficiais (402 cortes); seguido de picaduras de escarapotes (143), abrasións non solares (132) e picaduras de insectos (110). Tamén hai que sinalar que se atenderon 53 mareos e 2 golpes de calor, 34 casos por danos oculares e 9 queimaduras solares. Ata o momento leváronse a cabo 17 rescates, a maioría corresponde ás praia de Oza (7), onde ademais unha persoa sufriu unha parada cardiorespiratoria.
Flores explicou que, debido a que se gozou dun mellor verán climatolóxico, os areais coruñeses viron incrementada a afluencia de usuarios e, en consecuencia, as incidencias atendidas aumentaron nun 24% respecto ao verán anterior. “Este verán foi o único da última década, xunto ao de 2006, no que en xullo e agosto se superaron os 20 graos de media en xullo e agosto. Tamén o número de días despexados foi o maior dos últimos anos, o dobre que en 2012”, sinalou o concelleiro, e continuou: “Esta circunstancia provocou unha maior afluencia de usuarios e un aumento das incidencias, sobre todo nas máis leves, que puideron ser atendidas grazas a que se incrementou o dispositivo de salvamento e socorrismo respecto ao ano anterior,”.
O Goberno municipal contou este verán co maior dispositivo organizado na historia da cidade, cun total de 62 persoas, seis máis que o ano anterior: 43 socorristas, 9 deles diplomados en enfermaría; 3 condutores de ambulancia; 2 administrativos; 2 encargados de loxística; 2 médicos; 8 patróns de embarcación de rescate; e 2 coordinadores. “O servizo mínimo diario foi de 24 socorristas e sanitarios, 1 coordinador, 1 médico, 1 DUE (diplomado universitario en enfermaría) e 1 condutor de ambulancia”, sinalou Flores, quen engadiu: “Quero agradecer tamén o extraordinario traballo realizado polos socorristas na noite de San Juan”.
Flores destacou que este verán se despregou un dispositivo con máis recursos humanos, con mellor formación – diplomados universitarios en enfermaría en todos os postos e todas os integrantes con formación previa en primeiros auxilios, uso de desfibrilador e protocolos de actuación- e realizáronse probas de selección de socorristas máis esixentes. “O dispositivo de salvamento e socorrismo manterase ata o próximo luns, data na que finaliza a tempada oficial de baño”, advertiu Flores, e continuou: “Non obstante, a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo (FESSGA) manterá un retén de sete persoas durante 10 días máis, ata o 26 de setembro, nas dúas praias de maior afluencia -Orzán e Riazor-, cun horario de 12.00 a 18.00 horas durante a semana e ata as 20.00 horas o fin de semana, sen custo para o Concello,”.
O concelleiro destacou a boa acollida o uso de pezas de alta visibilidade para facilitar a identificación dos socorristas e o mantemento de iniciativas que xa tiveron un éxito durante o verán pasado:
– Prestar o servizo en todas as praias (Riazor, Orzán, As Lapas, San Amaro, Santa Cristina e Oza) co mesmo horario de 11.00 a 21.00 horas.
– Ampliar nun 71% o número mínimo diario de socorristas e sanitarios con respecto a 2011.
– Presencia permanente na praia de Riazor dun centro de coordinación, cunha ambulancia cun médico e un ATS.
– Repartición de pulseiras entre os nenos e nenas para facilitar a súa identificación en caso de que se extraviasen nas praias. Este verán, repartíronse 300 pulseiras, o que, por exemplo, facilitou a localización de 18 nenos que se perderan na praia de Oza, un dos areais ao que acudan máis familias con nenos debido ás súas augas tranquilas.
– Visitas de vixilancia ás calas do ámbito de Adormideras e unha caixa de correo de suxestións en todos os areais.
– Repartición de 400 cinceiros para evitar que os usuarios das praias deixasen as cabichas na area, dentro das actividades de concienciación ambiental do Plan RUA.











