O Sergas inspecciona os terreos nos que se asentará o centro de saúde de Culleredo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCulleredoLocalLocal PortadaProvincias
A-
A+
Pablo Torres Arrojo na comprobación dos planos

Pablo Torres Arrojo na comprobación dos planos

O director de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Pablo Torres Arrojo, visitou hoxe os terreos onde se edificará o centro de saúde de Culleredo. A construción desta nova instalación da rede sanitaria pública galega, que conta cun investimento de 2,5 millóns de euros, está cofinanciada con fondos europeos e enmárcase no obxectivo da Estratexia Sergas 2014 de modernizar as infraestruturas da rede de atención primaria, para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais.

O plan funcional do futuro centro de saúde recolle unha área de medicina xeral e enfermería con 14 consultas, unha sala de extraccións, unha sala de técnicas, unha sala polivalente e un despacho de traballador social; e unha área de pediatría con tres consultas.

Tamén terá unha Unidade de Drogodependencias—Saúde Mental con tres consultas, un despacho de psicólogo clínico, unha consulta de docencia e unha sala de educación sanitaria. Ademais, contará con área de administración, arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

O centro de saúde, que contará cunha superficie construída de ao redor de 2.186 m2, situarase nunha parcela de 3.024 m2 cedida polo Concello.

Na visita, o director estivo acompañado pola arquitecta Cristina Fernández, especialista en arquitectura sanitaria que, entre outras obras, proxectou e dirixiu a reforma integral e rehabilitación do Hospital Abente e Lago da Coruña e participou na redacción e dirección da fase II do plan director do C.H. Universitario da cidade herculina. Tamén participou na ampliación do hospital de Monforte e en diversas reformas no Hospital de Conxo, en Santiago.

Cristina Fernández forma parte do colectivo de profesionais que encabeza Joaquín López Fando, coordinador responsable do equipo que leva a cabo a revisión do proxecto de execución do centro de saúde, introducindo, entre outras melloras, elementos de eficiencia enerxética coa fin de dotalo dos máximos estándares de calidade e sustentabilidade ambiental.

Na visita aos terreos tamén estiveron o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán de Diego; o xerente da Estrutura de Xestión Integrada da Coruña, Francisco José Vilanova Fraga; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo Piñeiro; e a subdirectora xeral de Investimentos do Sergas, Belén Currás Prado.

17 de setembro de 2013 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.