O roupeiro municipal de Nigrán estrea novas instalacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+

O roupeiro municipal estrea novas instalacións e ampla horario de apertura ao público. A partir do próximo día 25 de setembro, o roupeiro municipal abrirá as súas portas todos os mércores e xoves, en horario de 10.00 a 12.30 horas, nas antigas instalacións da Policía Local, na rúa Paradellas número 26, tras o Insituto Val Miñor.

O roupeiro municipal, xestionado por catro voluntarias a través da Oficina de Voluntariado de Nigrán, conta na actualidade con cinco estancias nas que se almacenan todo tipo de pezas –pantalóns, vaqueiros, camisas, blusas, camisetas, xerseis, americanas, parkas, abrigos, etc.- e para todos as idades, desde bebes, pasando por nenos, adolescentes e adultos, así como xoguetes e cousas de bebé.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, fai un chamamento á solidariedade de todos os veciños deste municipio, para que sigan nutrindo de contido e significado a esta iniciativa, “que entre outubro de 2012 e xuño de 2013  axudou a máis de 200 familias deste municipio”.

O roupeiro municipal súmase a outras iniciativas solidarias postas en marcha polo goberno municipal, como a creación en xuño de 2012 do fondo municipal de alimentos. Desde entón, o departamento de Servizos Sociais recadou máis de dúas toneladas de alimentos, a través de doazóns de particulares, de campañas de recollida de alimentos nos centros escolares ou das actividades e eventos do concello, que establecen de forma habitual un punto de recollida de alimentos.

Máis información na oficina do voluntariado, situada nas instalacións do CIM de Nigrán ou no teléfono 986 38 30 81, ou no departamento de Servizos Sociais, no 986 36 50 00, extensión 4.

27 de setembro de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.