O rexedor de Ponte Caldelas entrega aos veciños da Rocha o material para repoñer as traídas destruídas polo incendio
O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o lugar da Roca para entregar aos veciños o material necesario para repoñer as traídas de auga existentes na zona e que foron destruídas por acción das chamas dos incendios producidos a pasada semana.
Estas traídas, de propiedade veciñal, resultaron moi afectadas polo lume producido os pasados días deixando moi minguado o abastecemento de auga do lugar. A intención do Concello é colaborar ao máximo e dar rápida resposta a este problema.
Deste xeito, o Concello de Ponte Caldelas dá resposta á petición formulada nunha recente reunión polo colectivo veciñal que solicitou a colaboración municipal para resolver un grave problema, consecuencia directa derivada dos incendios. Dos 7 mananciais de que dispón A Rocha, 5 deles quedaron inutilizados ao queimarse as canalizacións que conducían a auga ata o depósito polo que nestes días só 2 mananciais garantían a subministración. Agora a idea dos veciños é durante o fin de semana reparar os outros 5 co material subministrado polo Concello: canalizacións e accesorios.
Por outra parte, sinalar que os operarios municipais, así como o propio Alcalde, se manteñen en permanente alerta ante o posible rebrote do lume sobre todo en lugares próximos ás casas onde a acción das chamas cobra unha perigosidade especial.
O Alcalde valorou moi positivamente a actuación dos medios aéreos e terrestres despregados pola Consellería de Medio Rural que dun xeito case inmediato acoden a sufocar as chamas e evitan que a acción do lume poña en perigo vidas e bens da poboación afectada polos incendios.
OS VECIÑOS DE TODAS AS PARROQUIAS, UN EXEMPLO HUMANO DE SOLIDARIEDADE
O Alcalde agradeceu, tanto aos operarios municipais que levan longas xornadas de traballo como asistencia ás brigadas contraincendios despregadas pola Xunta, coma aos propios veciños que coa súa solidariedade están a demostrar que Ponte Caldelas é un municipio modélico en canto ao exemplo humano que están a transmitir a toda a sociedade traducido no rápido socorro e a excelente disposición a colaborar cos efectivos de loita contra o lume.
Perfecto Rodríguez volveu condenar a acción daquelas persoas que “prenden lume nos nosos montes porque non só arruínan o noso medio e provocan grandes perdas e gasto económico senón que ameazan a vida e as propiedades de moita xente. A aparición reiterada de lume no noso municipio parece estar á marxe de calquera estatística o que fai que as nosas sospeitas sobre a intencionalidade do lume se consolide como hipótese máis probable”, sinalou o rexedor de Ponte Caldelas.











