O rexedor de Gondomar reúnese co director de Augas de Galicia para analizar posibles solucións fronte á escaseza de auga
O Concello de Gondomar segue a buscar solución que garanticen o abastecemento de auga para os vecinos e veciñas do municipio.
Na reunión, mantida entre o alcalde do municipio, Fernando Guitián e o director de Augas de Galicia, na que tamén participou o delegado de Medio Ambiente, Juan Carlos González, analizáronse cales serían as posibles solucións, a curto e longo prazo, ante a escaseza de auga que se rexistra no período estival.
Entre as medidas que se adoptarían a curto prazo estarían o control exhaustivo do subministro, así como a posibilidade de implantar medidas disuasorias do consumo excesivo como poden ser bandos municipais ou modificacións nas taxas. Por último, tamén se baralla entre as opcións a curto prazo, contar cunha nova achega doutra zona á ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable), o que permitiría aumentar as reservas actuais de auga.
“Dende 1997 o consumo multiplicouse máis do dobre”, apunta o rexedor gondomareño, “feito polo cal tamén é necesario estudar medidas que nos garantan a subministración de auga no Concello a longo prazo”. Respecto a isto, na reunión mantida con Augas de Galicia, formulouse a posibilidade de que o Concello dispuxese dunha achega de auga embalsada proveniente do encoro de Zamáns. Hai que recordar, que na actualidade o abastecemento de auga en Gondomar se limita a unha captación do río Touteiras, en Peitieiros.
Compromiso co consumo responsable de auga
Durante a tempada de verán, dende o Concello de Gondomar estivéronse a levar a cabo diversas actuacións, co fin de concienciar os veciños e veciñas do municipio da importancia de racionalizar o consumo da auga, sobre neste período estival.
Entre elas, controlouse o rego de xardíns e baldeos de rúas (salvo en casos puntuais) e a concesionaria do servizo municipal de auga (Espina y Delfín) realizou unha minuciosa revisión das canalizacións de auga potable do concello en busca de posibles fugas ocultas, co obxectivo de evitar perdas e que a xestión da auga no municipio fose o máis eficiente posible.











