O rexedor de Ares acompañará á xerente do Sergas na visita aos terreos cedidos para o novo centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

O alcalde de Ares, Julio Iglesias, realizará mañá mércores unha visita aos terreos cedidos polo Concello ao Sergas para a construcción do novo centro de saúde, emprazados xunto ao actual inmoble –que tamén formará parte da intervención-. O rexedor socialista estará acompañado nesta visita, que terá lugar ás 11.30 horas, pola xerente do Sergas, Mª Nieves Domínguez González, e o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio.

A construcción do novo centro de saúde de Ares foi adxudicada xunto con outros 14 centros e a ampliación do Hospital do Salnés e o proxecto definitivo, despois dun longo proceso por parte da Consellería de Sanidade, será entregado en vindeiras datas, tal e como confirmaron dende o Servizo Galego de Saúde.

No caso do centro de saúde de Ares, como lembrou o alcalde, Julio Iglesias, o proxecto de ampliación foi sempre unha das principais prioridades do seu equipo de goberno dende o anterior mandato, e resposta a unha demanda cidadá a da administración local dende hai anos, posto que as actuais instalacións non satisfán, nin en servizos nin en espazos, ás demandas dunha poboación en continuo crecemento demográfico. Así mesmo, apuntou que a actuación executarase nas mesmas instalacións do inmoble actual así como nunha parcela cedida polo Concello ubicada na parte traseira deste. En total, serán máis de 1.700 metros cadrados de superficie a que ocupará o novo centro de saúde, que seguirá, pois, prestando os seus servizos no mesmo lugar que o fixo ata o de agora e que foi defendido polo conxunto da cidadanía e o actual grupo de goberno.

A intervención, cuxo proxecto básico fora presentado ao rexedor socialista, contaba cun orzamento de licitación de 2,3 millóns de euros e un prazo de execución de once meses. Segundo dito proxecto, as obras suporán a modernización e ampliación do actual centro de saúde, xa que multiplicará por dous o espazo de pranta e por outros dous o alzado, constando o futuro edificio de soto, baixo, primeiro andar e baixocuberta (o actual ten baixo e primeiro andar). Ademais, os beneficios non so redundarán no espazo, senón tamén nos servizos que ofrecerá á poboación de Ares, xa que o proxecto recolle as necesidades plantexadas no Plan Funcional da Área Sanitaria elaborado durante o Goberno bipartito.

Julio Iglesias destacou, así mesmo, que a execución destes traballos dan resposta a unha reivindicación non so desta administración local senón de todo o municipio de Ares. Ademais, lembrou o esforzo realizado polo equipo de goberno, xa dende o anterior mandato, para acadar o proxecto e manter o compromiso da Xunta unha vez que en 2009 se produxo o cambio político en San Caetano, tal e como quedou demostrado coa cesión da parcela para poder executar a ampliación ou coa celeridade á hora de solventar toda a documentación requerida ao longo do proceso por parte do Executivo autonómico.

10 de setembro de 2013 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.