O proxecto “Saber Facer 2013” promove o voluntariado entre os xóvenes de Porto do Son

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPorto do SonXuventude
A-
A+

Promover o voluntariado entre os máis novos e reforzar as actividades de ocio educativo en Porto do Son foron os principais obxectivos do proxecto “Saber Facer 2013”, que comezou en xullo e finalizará este venres no concello barbancés, enmarcado dentro do programa de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar.

Ademais, esta iniciativa tamén procurou ofrecer á mocidade desta localidade unha formación básica para conseguir un voluntariado “activo, crítico e produtivo”, de maneira que os voluntarios colaboraron na actividade de verán “Movida Urbana” e compartiron as súas experiencias voluntarias cos alumnos do IES Fraga de Novio.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe este proxecto, que conta cun total de 100 xornadas de acción voluntaria desenvolvidas por 4 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 19 e os 28 anos.

Rodeiro tamén sinalou que o Servizo de Voluntariado Xuvenil “é o primeiro programa en toda España que aposta polo compromiso social directo da mocidade”. Os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.

Nas comarcas de Noia e do Barbanza participan no Voluntariado Xuvenil os concellos de Lousame e Porto do Son e a entidade Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional da Pobra do Caramiñal. En total, estes tres proxectos suman 20 voluntarios, que desenvolven máis de 850 xornadas de voluntariado.

Ademais destes mozos e mozas, na acción deste verán no Barbanza tamén hai que sumar as máis de 80 persoas que participaron en Sálvora no Voluntariado Ambiental no parque nacional das Illas Atlánticas. Mediante este programa, os voluntarios colaboraron cos técnicos do parque na limpeza das praias, na erradicación de plantas invasoras e na preservación dos ecosistemas da illa.

Este tipo de iniciativas constitúen un exemplo da evolución que nos últimos catro anos ten experimentado a programación da Dirección Xeral de Xuventude, dun modelo baseado case en exclusiva na xestión do ocio e tempo libre, a programas vinculados á participación activa, ao emprendemento, á empregabilidade e á educación non formal da mocidade, puntos estratéxicos da primeira Lei de Xuventude de Galicia.

Ovidio Rodeiro incidiu en que os programas que ten en marcha este área do departamento autonómico “constitúen ferramentas de gran utilidade para facer da participación activa dos mozos e mozas a primeira fase do emprendemento”.

Cada unha das xornadas de voluntariado conta con 6 euros en concepto de transporte e manutención do voluntario. Para as entidades de acción voluntaria a axuda diaria é de 4 euros, para cubrir os gastos de seguro e de xestión.

25 de setembro de 2013 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.