O programa “Pensando en VOS” permitirá realizar visitas guiadas aos grandes espazos culturais de Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá o programa “Pensando en VOS” de visitas guiadas aos grandes espazos culturais da cidade. No acto estivo acompañado polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo Pouso, e polo concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado. Este programa conta co apoio do Plan de Competitividade Turística da Deputación Provincial da Coruña.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade quixo agradecer o apoio do presidente provincial para poñer en marcha esta anovadora iniciativa na que se combinan aspectos culturais, turísticos e de participación da cidadanía. “Parece mentira que non se tivera feito antes e que sexa agora cando se vaia a abrir ás visitas da cidadanía espazos como o Jofre, o Torrente Ballester, o Auditorio e a Casa Consistorial”, dixo o alcalde, que engadiu o feito de que “ademais de coñecer a fondo estes espazos, a cidadanía poderá ver fondos do Concello que até o de agora non se expuxeron e se gardaban nun almacén”. En concreto, Rey Varela referíase a determinados cadros e gravados que se colgarán nalgunhas salas da Casa Consistorial.
O programa inclúen a edición de 30.000 dípticos informativos -en galego, castelán e inglés- de cada un dos catro espazos culturais que serán entregados aos participantes nas visitas guiadas. Ademais, fixéronse 10.000 tarxetóns, que estarán dispoñibles nos Centros Culturais da cidade, nos que se informa sobre ditas visitas e como solicitar a inscrición para as mesmas. García Hurtado sinalou que as visitas guiadas serán de carácter gratuíto e darán comezo segunda semana de outubro. Os primeiros lugares que se poderán visitar son o Jofre e o Centro Torrente Ballester; e proximamente tamén o novo Auditorio de Ferrol e o Pazo Municipal. As persoas interesadas en participar poderán formalizar, a partir da vindeira semana, a súa inscrición chamando ao número de teléfono 981 944 180 ou a través do correo electrónico: cultura@ferrol.es, facilitando o nome, apelidos e número de teléfono. No que atinxe aos espazos, serán visitados de maneira individual -os luns para o Centro Cultural Torrente Ballester e martes para o Teatro Jofre- e permitirán aos visitantes coñecer o seu interior e historia. Os horarios e o número de persoas por grupo para as visitas guiadas estará adaptado á demanda recibida.











