O Programa Municipal de Conciliación contará coa participación de corenta cativos durante setembro

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

A concelleira de Educación, María Castelao, visitou a edición de setembro do Programa Municipal de Conciliación, que se celebra do 2 ao 10 de setembro no CEIP As Fontiñas. Uns 40 nenos e nenas participan nas actividades, agrupadas baixo o título Aventura no pequeno planeta. Grazas a este programa de conciliación da vida laboral e familiar, os máis pequenos poderán gozar con actividades medioambientais, xogos de pistas, excursións, obradoiros de reciclaxe e moitas outras aventuras dirixidas por un pequeno trasno. Despois da gran acollida da edición celebrada no mes de xullo, onde participaron preto de 70 rapaces e rapazas, dáse así continuidade a este programa antes do inicio do curso escolar.

As actividades realízanse en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tamén hai a posibilidade de deixar os nenos e nenas no servizo de madrugadores dende as 7:45 horas, así como a de asistir ao servizo de comedor ata as 15:30 horas.

Apertura da matrícula nos comedores escolares

A concelleira aproveitou a rolda de prensa para comunicar a apertura do prazo de matrícula nos servizos de comedor e madrugadores nos centros públicos de educación infantil e primaria do municipio. O prazo estará aberto do 4 ao 11 de setembro e as familias poderán entregar a documentación tanto na Concellería de Educación (Edificio Cersia) como nos colexios que contarán con estes servizos.

María Castelao lembrou que este é o segundo curso no que o servizo de comedores é xestionado polo Concello. Indicou que este será o ano da “consolidación” do servizo, á vista do éxito de participación da primeira edición e da “satisfacción” dos pais polo funcionamento do servizo.

3 de setembro de 2013 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.