O programa educativo “Xadrez nas escolas” percibirá unha axuda municipal de 33.000 euros
A Concellería de Educación do Concello de Ferrol, que dirixe Susana Martínez Galdós, renovou un ano máis o seu programa educativo “Xadrez nas Escolas”, cun incremento na achega económica en comparación coa última colaboración. O Concello de Ferrol achegará un total de 33.000 euros para o desenvolvemento desta actividade complementaria que se impartirá en 21 centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) públicos e concertados da cidade.
A edil ferrolá explicou que “este ano incrementamos a achega municipal en 3.000 euros polos magníficos resultados e a gran afluencia de nenos e nenas na actividade”. Esta actividade complementaria de xadrez, dirixida ao alumnado do último curso de Educación Infantil e de 1º e 2º de ensinanza primaria, pretende aprender a pensar por conta propia, analizar e resolver problemas, ademais de coñecer as capacidades de cada un.
Comedores escolares
A edil de Educación tamén informou da adxudicación do servizo de catering e do persoal monitor/coidador de comedor escolar para os Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do termo municipal á empresa Serunion S.A. O Goberno Municipal de Ferrol destinará este curso escolar un total de 415.625 euros a este servizo, que inclúe tanto os menús como o persoal -formado por un monitor e un coidador-.
Este servizo de comedor escolar está dirixido a todos os alumnos e alumnos dos CEIP sen importar a renda das familias e terán acceso á prestación cun mellor prezo. Así, o alumnado contará cun menú variado e o consumo diario de froitas e verduras. Ademais, os centros educativos que o desexen disporán dun servizo de hamacas destinado ao descanso dos máis pequenos.











