O programa de voluntariado xuvenil da comarca de Santiago conta con 92 participantes
Un total de 92 voluntarios de 14 asociacións diferentes participan no programa de Voluntariado Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, na comarca de Santiago. Isto supón máis de 4.600 xornadas de voluntariado.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, achegouse hoxe ata un panel de experiencia cos voluntarios e cos monitores do programa ‘Intégrate, Intégrame, Intégranos !!!” da Asociación Cultural e Recreativa dos Tilos. Nos mesmo participaron sete persoas de entre 18 e 30 anos de idade que desenvolveron 370 xornadas de acción voluntaria.
Rodeiro destacou a experiencia positiva adquirida polos voluntarios, a quen animou a seguir en contacto co mundo da solidariedade e sinalou que este é “o primeiro programa en toda España que aposta polo compromiso social directo da mocidade”. Os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.
Os voluntarios dos Tilos colaboraron nun programa destinado á participación de persoas con capacidades diversas nas actividades da asociación. Deste xeito, facilitaron a integración de mozos e mozas con síndrome de down, dano cerebral, paraplexia, e tamén doutras características non tan visibles, nos programas de dinamización e conciliación.
Para o director xeral, este tipo de iniciativa “constitúe un exemplo da evolución que nos últimos catro anos ten experimentado a programación da Dirección Xeral de Xuventude, dun modelo baseado case en exclusiva na xestión do ocio e tempo libre, a programas vinculados á participación activa, ao emprendemento, á empregabilidade e á educación non formal da mocidade, puntos estratéxicos da primeira Lei de Xuventude de Galicia”.
Os programas que ten en marcha este área do departamento autonómico constitúen ferramentas “de gran utilidade” para facer da participación activa dos mozos e mozas a primeira fase do emprendemento.
Cada unha das xornadas de voluntariado conta cunha axuda de seis euros en concepto de transporte e manutención do voluntario, mentres que para as entidades de acción voluntaria a axuda diaria é de catro euros, para cubrir os gastos de seguro e de xestión.











