O programa de apoio psicopedagóxico para previr o abandono escolar continúa en Tomiño no curso 2013-14
Tras a experiencia piloto posta en marcha nos últimos meses do curso anterior, e tendo en conta os bos resultados acadados (participaron máis de 40 nenos e nenas de ESO), a Concellería de Educación decidiu dar continuidade á acción a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), que coordinará tarefas de reforzo escolar, técnicas de estudo e xogos educativos, impartidas por persoas voluntarias en varias parroquias da vila, dous ou tres días á semana, durante as tardes.
A alcaldesa Sandra González, considera a este proxecto de vital importancia, xa que está orientado á prevención do abandono escolar, dando apoio non so ao alumnado senón tamén ás familias. Neste senso salienta a colaboración do IES de Tomiño e o traballo desinteresado das voluntarias da OMIX, que coordinarán as aulas postas en marcha no curso anterior en distintas parroquias.
Mellorar a adquisición de competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar; atender aos escolares con menor motivación e problemas de aprendizaxe; favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables; propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo poida continuar e impulsar a coordinación entre institucións e organizacións da contorna para previr o abandono escolar, son os principais obxectivos do programa “E Aprender” e doutros da mesma área.
Para levar adiante este e outros proxectos no eido educativo, o Concello solicitou varias subvencións á Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), conseguindo que lle foran concedidas as seguintes:
Espazos É Aprender (800 euros); asesoramento e psicoterapia individualizada e familiar para o alumnado de ESO (2.214,78 euros); curso de preparación das probas de acceso a ciclos medios de formación profesional (1.200 euros) e curso de preparación das probas libres da ESO (1.200 euros). Estas axudas permitirán costear parte das actividades previstas.











