O programa Coruña Lenguas oferta 2.235 plazas para aprender idiomas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, acompañado por Beatriz Rodríguez e Noelia Blanco, responsable de zona e coordinadora de idiomas da entidade Activa, presentou esta mañá a nova edición do programa Coruña Lenguas, que este ano ofrecerá un total de 2.235 prazas de idiomas ao alumnado de Primaria e Secundaria da cidade: “A formación en linguas estranxeiras é unha aposta decidida deste Goberno local que, a través dos seus programas educativos, trata de poñer a disposición de todos e cada uns dos alumnos coruñeses as ferramentas que sirvan para mellorar o seu coñecemento doutros idiomas”, subliñou.

Mourelo detallou que as principais novidades deste novo curso, que pretende ser un complemento á formación regulada, pasan, por un lado, por estender ás Escolas Infantís Municipais o ensino de linguas estranxeiras con actividades adaptadas á idade dos menores, co obxectivo de “cubrir todas as etapas educativas”. E por outro lado, por contar coa entidade Activa como responsable deste programa: “Trátase dun examinador oficial do Trinity College London, polo tanto é un importante aval á hora de preparar alumnos para a certificación da súa destreza oral”.

Tal e como explicou o concelleiro, Coruña Lenguas ofrecerá un total de 2.235 prazas de linguas estranxeiras:

– Os alumnos de Primaria contarán con 345 prazas dentro do programa Listen/Speak. “Trátase dun programa dirixido a alumnos de 3º a 6º de Primaria no que participarán 13 centros da cidade. Ofrécense dúas horas semanais divididas en días alternos a un prezo de 15 euros mensuais”, informou e engadiu: “O obxectivo é que os alumnos adquiran destreza oral e comprensión auditiva co fin de que poidan desenvolverse en situacións reais e habituais”.

– Os alumnos de Secundaria terán á súa disposición 1.890 prazas en 14 centros educativos (12 institutos e 2 centros de Formación Profesional) e a posibilidade de elixir entre 5 idiomas: inglés, francés, alemán, portugués e chinés. “Os participantes recibirán 3 horas semanais de formación en días alternos por 18 euros ao mes. Ademais prepararáselles para presentarse ás probas oficiais de certificación”, sinalou e explicou que tanto o inglés coma o francés, ao ser as linguas máis habituais no ensino regulado, se limitarán á comprensión auditiva e a expresión oral, mentres que no resto traballarán tamén a comprensión e expresión escrita.

Todos os grupos, tanto de Primaria coma de Secundaria, terán un mínimo de 10 alumnos e un máximo de 15; as actividades celebraranse entre o 14 de outubro e o 31 de maio; e as inscricións on line pódense realizar na web www.edu.coruna.es ata o 27 de setembro. As prazas adxudicaranse en rigorosa orde de anotación.

Mourelo finalizou destacando o compromiso do Goberno local coa formación dos menores e recordou que, ademais deste programa, o Concello da Coruña pon a disposición dos alumnos outras ferramentas coas que mellorar o seu dominio de idiomas, como o caso de Coruña Mundo, integrado polas Bolsas USA e as Bolsas Europa FP-Proxecto Acore que este curso ofrecerán un total de 45 prazas cada modalidade. Ademais, dentro dos Programas de Ocio Educativo (POE), os talleres de Artes escénicas, plásticas e Music and Play dirixidos a escolares de Infantil e de 1º e 2º de Primaria, realízanse en inglés.

“Este Goberno local pretende ofrecer un amplo abano de posibilidades e dar todas as facilidades ao noso alcance para que os mozos coruñeses poidan aprender idiomas, unha forma de estar mellor preparados para o futuro e para abrirse ao mundo”, finalizou.

13 de setembro de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.