O premio solidario Cidade de Ferrol 2013 será elixido por tres entidades da cidade
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, convocou hoxe unha reunión coas entidades sociais que poden formar parte do xurado do “Premio Solidario Cidade de Ferrol 2013”, que son aquelas que non participan nesta sexta edición do certame. Así, o xurado do que xa forman parte o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a concelleira delegada, Rosa Martínez Beceiro; un membro de cada grupo municipal e a entidade gañadora do último certame, ASPANEPS co seu proxecto “Ponte no meu lugar”, verase completado coas asociacións hoxe elixidas.
As entidades convocadas para formar parte do xurado da sexta edición do Premio Solidario Cidade de Ferrol foron a Oficina de Voluntariado do Campus Universitario de Ferrol, as Aulas da Terceira Idade, a Unión Sindical Obreira (USO), o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF) e a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (AFFINOR). Así, e trala votación secreta, foron elixidas USO, CAMF e a Oficina de Voluntariado do Campus Universitario de Ferrol para formar parte do xurado. O seguinte paso a seguir, será enviar por correo os proxectos das entidades sociais que se presentan a esta edición a todos os membros do xurado. Despois disto, o tribunal terá quince días para volver a reunirse e decidir o gañador da sexta edición.
O “Premio Solidario Cidade de Ferrol 2013” será entregado nun acto que presidirá o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e que terá lugar o vindeiro mes de outubro. As entidades que optan ao galardón son as seguintes: Asociación Sociocultural de Minusválidos, co proxecto titulado “Peciños”; AFAL Ferrolterra, con “Herdando lembranzas”; TEIMA, con “Cooperar para aprender e aprender a cooperar”; Acción Familiar, coa proposta “Tempos para avanzar”; Parkinson Ferrol, con “Prevención e estimulación nos procesos mentais superiores en persoas con enfermidades de Parkinson”; COGAMI, con “Charlas de prevención sobre accións medulares”; ASPANEMI, co “Programa de apoio familiar”; ALCER, co proxecto “Doar palabras”; Asociación A Nosa Señora de Chamorro, con “Aprendendo a coñecer”; Terra de Ferrol, cun plan de apoio; e Manos Unidas, cun proxecto na República Togo. O premio para o gañador será de 5.000 euros.
Criterios de valoración
Os membros do xurado seguirán diferentes criterios técnicos para a valoración das propostas presentadas. Así, O xurado doa sexta edición do Premio Solidario Cidade de Ferrol valorará o interese xeral e específico do proxecto, o planeamento formal do proxecto (seguimento, control e avaliación final), o seu carácter innovador, que favoreza a participación directa dos beneficiarios, que impulse dinámicas que propicien o autodesenvolvemento e a igualdade de xénero, o respecto ao medio ambiente e a relevancia no ámbito local e para colectivos con dificultades específicas en particular.











