O prazo de matrícula da Escola Municipal de Música permanecerá aberto ata o venres 13
Tras o éxito das súas actividades de verán, a Escola de música do Concello de Ortigueira acaba de abrir o prazo para a presentación de matrículas. O centro, que contará como gran novidade coa titulación oficial de rock, conta con cifra récord de preinscritos, un total de 154, que agora deberán oficializar o seu interese por converterse en parte do alumnado.
Os veciños e veciñas da bisbarra, de tres anos en diante, que queiran realizar estudos na Escola municipal de música poderán realizar os trámites de matrícula nas dependencias do centro, situadas na rúa Márquez Cortiñas, ata o venres 13 de setembro (de 11 a 14 e de 16 a 21 h).
Cabe recordar que o centro, fundado alá polo ano 2000, é o único da bisbarra que posibilita ao alumnado cursar estudos oficiais, grazas a un convenio coa Associated Board of the Royal School of Music de Londres, entidade educativa que traslada cada ano un tribunal dende a capital de Reino Unido.
Ademais, como novidade este ano converterase no único centro oficial examinador na Coruña da prestixiosa organización internacional Rockschool. O acordo estratéxico permitirá ao alumnado da escola ortegana obter unha titulación oficial tamén en rock.
En total, está previsto ofertar unha vintena de especialidades (óboe, frauta, clarinete, fagot, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, percusión, gaita, guitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, acordeón, teclados, piano, canto, voz, dirección e música e movemento) e ata un máximo de 200 prazas.
O centro municipal de estudos musicais impulsa tamén dende os últimos cursos programas educativos e sociais como “Música para a vida” e mantén activas varias formacións estables, ás que se deu proxección durante as últimas tempadas como a banda xuvenil de Ortigueira, o grupo celta, o coro ou a Banda de papel.











