O polígono de Castiñeiras percibe unha axuda de 119.000 euros para a instalación dun colector de saneamento
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá en Bueu a concesión de dúas subvencións destinadas a mellorar o polígono de Castiñeiras e a potenciar o comercio local deste municipio.
No acto estivo acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial e polo portavoz do PP na localidade, Manuel Santos. En relación á potenciación do comercio local deste municipio, Cores Tourís insistiu no interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade.
“Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Bueu encamiñada a humanizar a zona comercial da rúa Alfonso Castelao, dende a rúa Pazas Fontela ata a rúa Canibelos, para favorecer a eliminación de barreiras e a circulación dos potenciais consumidores, fomentando así as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto presentado polo municipio rolda os 120.000 euros, dos cales, o 75% (algo máis de 90.000 euros) será aportado pola administración autonómica.
Entre as melloras que suporá este investimento se atopa a mellora do espazo peoníl, o incremento do ancho da beirarrúa, reducindo así a calzada rodada e reordenando a área de estacionamento. Tamén se renovará a rede de abastecemento de auga, as canalizacións pluviais, as comunicacións e o alumeado público.
“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, engadiu o delegado territorial. “Para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apontou.
Melloras no polígono de Castiñeiras
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, tamén fixo referencia durante a súa visita ás axudas aportadas pola Consellería de Economía e Industria para a habilitación e melloras de parques empresarias da provincia supera o 1,2 milóns de euros, dos que 837.000 euros serán aportados en concepto de axuda pola Xunta de Galicia, “é dicir, o 80% do total”, explicou Cores Tourís.
Precisamente, en relación a estas axudas, o delegado territorial destacou a importancia que para a Xunta ten a colaboración entre concellos para a mellora e potenciación de servizos. “De feito, un dos criterios que se tiveron en conta por parte desta orde para a concesión destas axudas foi a agrupación de concellos, como é o caso deste proxecto do polígono de Castiñeiras”.
Trátase dun investimento de case 119.000 euros (113.000 dos cales serán aportados pola Consellería de Economía e Industria, case o 95%) destinado a execución dun colector de saneamento no complexo medioambiental deste parque que se conectará coa depuradora de Bueu. “Trátase dun exemplo de colaboración entre administracións, e, en concreto, entre estes dous concellos e a Xunta de Galicia, para racionalizar e aproveitar recursos”.
“O obxectivo deste proxecto é a unión do saneamento do Complexo Medioambiental da Mancomunidade de Concellos do Morrazo ao saneamento que vai á depuradora municipal de Bueu”, explicou Cores Tourís quen matizou que as obras suporán a instalación de dous depósitos de 40 m3 que levarán no seu interior dúas bombas de 20m3/h e unha potencia de 10 cv. A canalización ten unha lonxitude aproximada de 600 m e unha zanxa dun metro de profundidade na que se instalarán dous tubaxes de polietileno de 110 mm de diámetro e 80 cm de ancho. “El caudal que se estima que derivará a la depuradora es de 41.148 m3”, engadiu o delegado territorial.
Cores Tourís recordou que estas axudas proceden da nova orde da Xunta de Galicia que establecía as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
Segundo argumentou o delegado territorial os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas, van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.
Por esta razón, a nova orde “naceu coa finalidade de realizar a renovación destas infraestruturas, para evitar a súa obsolescencia, ou de habilitar outras novas non previstas na súa orixe, e co obxecto de motivar o esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma”.
A Consellería de Economía e Industria considera necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos de investimento en materia de infraestruturas de instalacións e de servizos ás empresas, por este motivo puxo en marcha este programa de axudas encamiña¬das á mellora das infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.











