O PMUS fixará obxectivos para mellorar o servizo do bus urbano
O Voceiro do Goberno municipal, Julio Flores, anunciou esta mañá que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) fixará obxectivos para mellorar o servizo de bus urbano e así obter unha certificación de calidade independente. “Imos impulsar un sistema de calidade que nos permita garantir unha prestación do servizo que cubra as necesidades dos veciños, no que se vai ter en conta a cobertura, o itinerario, a frota de vehículos, a accesibilidade universal, a información ao usuario, a frecuencia de paso, a atención ao pasaxeiro, o confort ou a seguridade”, destacou.
Flores recordou que é a primeira vez que se conta coa Compañía de Tranvías para mellorar o transporte público. “Primeiro porque este é o primeiro Plan de Mobilidade da historia da cidade e segundo porque o goberno anterior non consultou a opinión da empresa no estudo que elaborou”, indicou e engadiu: “Imos seguir contando coa opinión dos veciños que queiran participar, imos contar cos colectivos que teñan que achegar algo e tamén coa Compañía de Tranvías, porque para este Goberno municipal é fundamental a implicación de todos á hora de elaborar o PMUS,”.
O Voceiro municipal realizou unha petición pública de colaboración aos partidos da oposición para que se impliquen na elaboración do PMUS. “Ata agora soamente criticaron calquera iniciativa, pero chegou a hora de formular entre todos as solucións que necesita a cidade en materia de mobilidade; solucións que non se impulsaron nos últimos 30 anos”, explicou o Voceiro.
Flores recordou o esforzo da Compañía de Tranvías para renovar a frota de vehículos, cun investimento de máis de 4 millóns de euros nos dous últimos anos para contar con 8 novos buses urbanos máis accesibles, máis seguros e máis ecolóxicos.
Tarifas bus urbano
Xullo Flores tamén destacou o compromiso do Goberno local co bus urbano: “Ninguén apoiou tanto o transporte público coma este Goberno municipal. Pasouse de investir 5 millóns de euros en 2011, último presuposto do bipartito, a investir 7 millóns de euros en 2013 para apoiar os usuarios do transporte público urbano que utilicen o bonobús”, destacou.
Imos seguir apoiando decididamente os usuarios do transporte público no presuposto de 2014 para continuar sendo a cidade co bonobús social máis barato entre as cidades do noso tamaño e continuar cun bonobús ordinario cunha tarifa por debaixo da media nacional”, engadiu Flores, que recordou que o acordo alcanzado en 2012 e 2013 coa Compañía de Tranvías permitiu máis dun millón de transbordos gratuítos e aforrou aos cidadáns 14 millóns de euros ata o final da concesión coa negociación das tarifas do billete de bus urbano.











