O pleno tratará o convenio entre A Laracha e Carballo polo proxecto de mellora dos accesos ao polígono
O Concello da Laracha convocou un Pleno extraordinario, que se celebrará este venres (día 6 de setembro) a partir das 13.30 horas para votar -e, de ser o caso, aprobar- a constitución da agrupación de concellos e o convenio de colaboración co Concello de Carballo con motivo da execución da obra referida á mellora dos accesos ao parque empresarial da Laracha desde a estrada DP-1909 que promoven conxuntamente ambos municipios. O asunto será tratado previamente pola Comisión Informativa de Industria, Comercio, Obras, Urbanismo e Patrimonio, que se reunirá mañá xoves baixo a presidencia do edil Alberto Blanco.
A agrupación de municipios e a sinatura do convenio de colaboración é considerada a fórmula máis sinxela e eficaz das previstas pola normativa vixente, xa que posibilitaría que os dous concellos fosen, ao mesmo tempo, beneficiarios da mesma subvención, solucionando así a problemática derivada da imposibilidade legal de exercer as competencias fóra do termo municipal.
Cabe lembrar que os Concellos da Laracha e de Carballo presentaron no pasado mes de xuño un proxecto común á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos. Dita actuación fora consensuada previamente polos dous alcaldes –José Manuel López Varela e Evencio Ferrero-, concelleiros de ambos grupos de goberno e persoal técnico.
A obra está valorada en 229.000 euros e inclúe a realización das canalizacións para a recollida de augas pluviais e a completa pavimentación coa calidade da mestura bituminosa en quente nos 2.814 metros de lonxitude da estrada que comunica os lugares de A Xesteira (parroquia de Lendo, A Laracha, no acceso ao polígono industrial) ata Castelo (carballesa parroquia de Vilela). Ademais, contémplase a ampliación da plataforma da calzada en determinados puntos, alcanzándose unha anchura en certos tramos de ata 6,30 metros.
Trátase dunha vía de importantes niveis de tránsito de vehículos ao ser a principal estrada de comunicacións entre a zona do polígono industrial da Laracha coa localidade de Baldaio (Carballo).
A colaboración entre os Concellos da Laracha e de Carballo ao presentar esta solicitude conxuntamente e ao estar ambos comprendidos no Plan Revive Costa da Morte, posibilitou aumentar as posibilidades de acceder á subvención e alcanzar practicamente a contía máxima da mesma, que ascenderá ao 78% do custo total da obra. A parte restante será cofinanciada por ambos municipios de xeito proporcional, debendo asumir A Laracha unha cantidade máis elevada que Carballo dado que tamén é maior o investimento que se realizará no noso termo municipal.











