O Pleno de Oroso aprobará a cesión gratuíta da parcela do camposanto da Penela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

O Pleno Municipal do Concello de Oroso celebrará mañá xoves 26 de setembro, ás 19:00 horas, a súa sesión ordinaria na que se aprobará a cesión gratuíta da parcela do camposanto da Penela (Oroso) á asociación de veciños “Orosinos”, integrada polos propietarios dos panteóns deste cemiterio, por un período de 75 anos prorrogables. Unha proposta que foi refrendada polos propietarios dos 180 panteóns nunha reunión celebrada o pasado 17 de setembro, no que só cinco propietarios se abstiveron e todos os demais votaron a favor.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destaca que “o acordo foi ratificado cos votos a favor de máis do 97% dos propietarios e sen ningún voto en contra”, polo que non entende que o Partido Popular sega a opoñerse á vontade dos veciños, tal e como teñen manifestado en plenos anteriores e como reiteraron esta mesma mañá na comisión de asuntos do pleno. “Entendo que a oposición do PP a esta medida non é máis que están molestos porque lles buscamos unha solución moi favorable para os veciños”, sinala Manuel Mirás. 

Cemiterio rural particular

O pleno municipal aprobará mañá xoves a cesión gratuíta aos integrantes da asociación de veciños “Orosinos” da parcela 1202 do polígono 5 do plano xeral de concentración parcelaria de Oroso, Gándara, Deixebre e Trasmonte (cemiterio da Penela) durante un prazo de 75 anos prorrogables. A cesión outórgase para fins e servizos de cemiterio rural particular. Deste xeito, os propietarios poderán formalizar a súa propiedade sen que isto lles supoña custo económico ningún.

Posteriormente, abrirase un período de información pública por un prazo de 15 días hábiles mediante a publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no taboleiro de edictos do Concello de Oroso. En canto o acordo teña carácter definitivo, os propietarios recibirán un documento individual que, unha vez asinado e validado, servirá para acreditar a súa propiedade. O Concello non terá desde entón ningún poder de decisión en canto á xestión do cemiterio, pese a que a parcela teña que estar ao seu nome por normativa legal. Serán os donos dos panteóns os que, a través da asociación, asuman o mantemento e xestión do recinto.

Resto da orde do día

A sesión plenaria tamén aprobará os festivo locais correspondentes a 2014: martes de entroido (4 de marzo) e Santa Eufemia (16 de setembro). Así mesmo, procederase á aprobación do Regulamento polo que se crea e regula o ficheiro de datos de control horario dos empregados públicos do Concello de Oroso. A sesión desenvolverase de acordo coa seguinte orde do día:

1- Acta da sesión que tivo lugar o 24/07/2013, Acta 2013106.

2- Aprobación, se proceder, dos 2 días de festa de carácter retribuído e non recuperable no ámbito do termo municipal de Oroso para o ano 2014.

3- Aprobación inicial, se proceder, do Regulamento polo que se crea e regula o ficheiro de datos de control horario e de presenza dos empregados públicos ao servizo do Concello de Oroso.

4- Aprobación inicial, se proceder, da cesión gratuíta aos integrantes da asociación de veciños “Orosinos” da parcela 1202 do polígono 5 do plano xeral de concentración parcelaria da zona de Oroso, Gándara, Deixebre e Trasmonte (Cemiterio da Penela).

5- Toma de coñecemento das resolucións da Alcaldía ditadas entre o 19/07/2013 e o 20/09/2013

6- Toma de coñecemento dos reparos de legalidade emitidos pola Intervención Municipal entre o 19/07/2013 e o 20/09/2013.

7- Mocións dos Grupos municipais.

8- Rogos e preguntas

25 de setembro de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.