O Pleno de Oroso aproba a cesión da parcela do camposanto da Penela á asociación “Orosinos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOroso
A-
A+

O Pleno Municipal do Concello de Oroso aprobou a cesión gratuíta da parcela do camposanto da Penela (Oroso) á asociación de veciños “Orosinos”, integrada polos propietarios dos panteóns deste cemiterio, por un período de 75 anos prorrogables. Unha proposta que foi aprobada cos 7 votos a favor de PSOE e BNG, e cos 5 votos en contra do Partido Popular e do Partido Galeguista.

Tanto PP como PG insistiron en amosar o seu respecto á decisión dos veciños, que ratificaron este acordo co apoio de máis do 97%, dos propietarios dos panteóns e sen ningún voto en contra (só 5 abstencións) nunha reunión celebrada o pasado 17 de setembro. Porén, ambos partidos xustificaron o seu voto en contra ao esixirlle ao Concello de Oroso que lles entregue un título de propiedade aos veciños, “aínda que entendemos que o Concello non poda facer fronte aos gastos dunha escritura nestes momentos”, puntualizou o voceiro do PP, Xosé Manuel Balado. Pola súa banda, o voceiro do PG, Siverio Mirás, insistiu en que o acordo debería ter sido adoptado por un período de 99 anos.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xosé M. Pérez, xustificou o seu voto a favor en que “ningún concelleiro debe frear con discusións o que piden os veciños. Eu voto a favor por coherencia e para que os problemas dos veciños se solucionen”.

A mellor solución

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, pediulles aos partidos da oposición que “deixen a demagoxia, porque non hai mellor solución”. Neste sentido, explicoulle ao PP que “o acordo foi consultado coa Xunta e nos dixeron que esta é a fórmula indicada”. Sobre a petición de entrega dun título de propiedade aos veciños, Mirás Franqueira lembrou que o título que se lles vai entregar aos veciños “é válido a todos os efectos, porque é expedido polo Concello e está asinado por un feudatario público como é o Secretario do Concello” e insistiu en que “esta é a mellor fórmula posible sen meter en gastos aos veciños”.

Neste sentido, o alcalde orosán explicou que as propostas da oposición “non se decatan de que estamos a falar dunha parcela pública cedida pola, daquela, Consellería de Agricultura para un cemiterio. No momento en que non sexa cemiterio, hai que devolvela” e explicoulle ao PG que “propoñer unha cesión por 99 anos é facer as cousas fora da lei, polo cal o acordo sería nulo de pleno dereito”.

Ademais, diante das dúbidas lanzadas polo PP, Mirás insistiu en que con este acordo “os veciños de Oroso terán a seguridade de que no cemiterio da Penela non se toca e que en herdanza poden deixarlle a súa propiedade a quen queiran”. Manuel Mirás criticou que PP e PG votasen en contra dun acordo aprobado polos veciños sen un voto en contra: “creo que non lles gusta que atoparamos unha solución a un problema complicado”.

A cesión gratuíta aos integrantes da asociación de veciños “Orosinos” da parcela 1202 do polígono 5 do plano xeral de concentración parcelaria de Oroso, Gándara, Deixebre e Trasmonte (cemiterio da Penela) terá unha duración de 75 anos prorrogables. A cesión outórgase para fins e servizos de cemiterio rural particular. Deste xeito, os propietarios poderán formalizar a súa propiedade sen que isto lles supoña custo económico ningún.

Unha vez que o acordo sexa publicado no no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no taboleiro de edictos do Concello de Oroso abrirase un prazo de 15 días hábiles para presentación de alegacións. Tanto PP como PG anunciaron que respectarán a decisión dos veciños e non presentarán alegacións. En canto o acordo teña carácter definitivo, os propietarios recibirán un documento individual que, unha vez asinado e validado, servirá para acreditar a súa propiedade. O Concello non terá desde entón ningún poder de decisión en canto á xestión do cemiterio, pese a que a parcela teña que estar ao seu nome por normativa legal. Serán os donos dos panteóns os que, a través da asociación, asuman o mantemento e xestión do recinto.

Comedores escolares

O resto da orde do día foi aprobado por unanimidade, de xeito que os os festivos locais correspondentes a 2014 serán: martes de entroido (4 de marzo) e Santa Eufemia (16 de setembro). Así mesmo, aprobouse o Regulamento polo que se crea e regula o ficheiro de datos de control horario dos empregados públicos do Concello de Oroso. Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do PSOE para instar á Xunta de Galicia e á Axencia Tributaria a que regulen a situación dos pensionistas retornados, para que deixen de ser considerados defraudadores fiscais e se deixen de emitir sancións e non se cobren intereses de demora a quen tentaron regularizar a súa situación.

O maior debate produciuse na última moción do pleno, presentada tamén polo PSOE e que tiña por asunto a suba dos comedores escolares. O pleno de Oroso aprobou o seu rexeitamento ao repago do servizo de comedor decretado pola Xunta ao entender que supón un “mazazo” para as familias das clases máis débiles e dificulta o acceso a unha educación en igualdade. Un acordo que saíu adiante grazas aos 8 votos a favor de PSOE, BNG e PG; e cos 4 votos en contra do PP.

O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, adiantou os efectos desta medida no concello de Oroso: “a estas alturas hai 50 familias de Oroso que renunciaron ao comedor. Isto é unha realidade que está pasando hoxe, non é demagoxia ningunha”. Leira Piñeiro explicou que este repago “é un paso máis na desigualdade das persoas” e lembrou que “no 2008, con Feijoo apenas 2 meses no cargo, suprimiu a gratuidade dos libros de texto e deixou sen esa axuda a 93 familias de Oroso”. Dúas situacións que “se anunciaron en verán, en agosto, cando non hai capacidade de manobra”, lembrou.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez cualificou como “desproporcionada a carga continuada sobre as familias”; mentres que o voceiro do PG, Siverio Mirás, criticou que “paga máis un rapaz no comedor que un deputado no Parlamento”. Finalmente, o PP xustificou o seu voto en contra ao entender que “non é unha medida que ataque ás clases traballadoras” e que “a incidencia non é tan grande para as familias”, explicou Telmo Rodríguez.

Minuto de silencio

O pleno municipal comezou cun respectuoso minuto de silencio pola morte da rapaza Asunta Basterra. Na quenda de rogos, o PG solicitou que se lle dea o nome da rapaza a un parque infantil de Oroso. O alcalde orosán instou a agardar ao final do caso para tomar unha decisión ao respecto.

27 de setembro de 2013 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.