O pleno de Ordes aproba a bonificación do 75% da cota do ICIO para obras de ampliación en explotacións agropecuarias
O pleno do Concello de Ordes acordou por unanimidade na sesión celebrada onte a bonificación do 75% para as obras de ampliación de explotacións agropecuarias no imposto de construcción, instalación e obras. Outro punto no que coincidiron todos os grupos foi na solicitude da autorización previa á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do uso e servizos de carácter local das escolas unitarias de Beán e Uzás (Buscás) cerradas este ano.
No apartado de mocións o grupo socialista viu aprobada a proposta de instalar un semáforo en Santa Cruz de Montaos, ademais dun paso de peóns. No mesmo texto demandaba a eliminación da liña continua que atravesa o Mesón do Vento e a catalogación deste núcleo como urbán. Neste punto a tenente de alcalde, Silvia Marín, puntualizou que “recentemente cambiouse o sistema dos semáforos da vila, polo que agora non é preciso cambialos ao non estar dando problemas”.
Os socialistas tamén denunciaron a falta de puntualidade dos autobuses que unen Ordes con Santiago e A Coruña, ademais de rebaixar as frecuencias en localidades como Mesón do Vento, Leira e Santa Cruz de Montaos. “No traxecto Coruña-Santiago, algúns dos servizos que se tiñan que facer por estrada estanse a facer pola AP-9 ata Ordes, polo que localidades como Mesón do Vento ou Leira quedan sen servizo. E o mesmo pasa co traxecto Santiago-Coruña, no que se fai por autoestrada o camiño ata Ordes, quedando os veciños de Santa Cruz de Montaos sen servizo de autobús”, explicou Xesús Pedreira. Na moción presentada puntualízase que se trata “dunha situación que se agrava nestes momentos de crise económica, na que moitos veciños optan polo transporte público”. En palabras do voceiro socialista “hoxe é máis necesario ca nunca que Ordes entre a formar parte do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago e A Coruña”. Un punto que novamente foi aprobado por unanimidade.
Neste sentido o goberno local explicou que esa é unha demanda que xa leva solicitado o Concello dende a pasada lexislatura, e que según explicaron recentemente se está demorando polo recente nomeamento da nova directoral xeral de Movilidade da Consellería de Territorio e Infraestructuras. Un feito que está a provocar que dende a Xunta teñan que volver a revisar e estudar o informe previo que dende o Concello se lles fixo chegar.
Por último o PSOE de Ordes instou ao pleno a posicionarse contra o copago sanitario aprobado recentemente polo Ministerio de Sanidade e que afectará a preto de 200 medicamentos dende o vindeiro 1 de outubro. Pedreira, considera que “se trata dun atropelo do Goberno do PP que van sufrir moitos veciños con enfermidades crónicas e do que nos enteramos polo BOE, xa que a ministra de Sanidade ocultouno na súa comparecencia no Congreso dos Deputados”. Os instan ao presidente da Xunta de Galicia a non adoptar este copago para pacientes con tratamento oncolóxico, hepatites crónicas, esclerose múltiple e outras enfermidades, cuxos medicamentos lles eran dispensados sen custo. Tamén se lle solicita á ministra de Sanidade a retirar este copagamento ou a dimitir, en caso contrario. A proposta foi aprobada por 10 votos contra 7 abstencións. Os populares puntualizaron non se trata dunha nova medida encuberta polo Goberno, senón dunha extensión do copago de medicamentos que xa se aprobara hai meses e que xa precisaba que se extendería ao ámbito hospitalario.
Por outra banda os nacionalistas tamén viron como por unanimidade se aprobou a súa moción para a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de construccións, instalacións e obras no apartado relacionado coas bonificacións de explotacións gandeiras e agropecuarias. Según explicaron os nacionalistas tal e como está redactada a medida a non solicitude para aplicación do ICIO pode facer destas bonificacións que chegan ao 75%. Propoñen que dende o Concello se deixe constancia por escrito nas súas contestacións das licencias solicitadas da posibilidade de beneficiarse de ditas bonificacións. Tamén que se inclúa no primeiro punto do artigo 5 da seguinte medida o seguinte texto: “declarar de interés social as obras de ampliación, construcción, reforma e ampliación realizadas nas explotación gandeiras e agropecuarias de Ordes que cumpran coa normativa urbanística e dispoñan da licencia de apertura previa tramitación do expediente ambiental”. Deste xeito todos os interesados poderán beneficiarse das bonificacións mencionadas previa solicitude dos interesados.
No referente ás mocións relacionadas coas bonificacións e medidas aplicables ao IBI que tanto PP como BNG tiñan previsto debatir, considerouse de xeito unánime tratalas previamente nunha comisión para no prazo dun mes presentalas no vindeiro pleno.











