O pleno apoia o convenio para garantir o subministro de auga á cidade nos próximos 100 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O pleno da Corporación municipal deu esta mañá o seu apoio ao convenio subscrito polo Concello coa Xunta para garantir a subministración de auga na bisbarra durante os próximos 100 anos. Os acordos alcanzados polo actual equipo de goberno permiten á bisbarra dispoñer dunha reserva adicional de auga grazas ao lago de Meirama e que A Coruña sexa o titular do encoro de Cecebre e a responsable da explotación e xestión da presa. Na sesión de hoxe tamén se aprobou a Conta Xeral de 2012, que consolida o compromiso de contar cunha administración máis áxil, transparente e participativa.

AUGA

O pleno aprobou -cos votos a favor do Goberno local e do PSOE- unha moción presentada polo Partido Popular con motivo do convenio asinado polo Concello coa Xunta para garantir a subministración de auga para a cidade e a área metropolitana coa reserva adicional procedente do lago de Meirama e a titularidade do encoro de Cecebre, así como da xestión e explotación da presa, o que converte A Coruña nun territorio privilexiado, tanto na cantidade de auga coma na súa calidade, con 250.000 analíticas realizadas pola Universidade.

O voceiro do Goberno municipal, Julio Flores, destacou que o Concello, en dous anos, logrou desenvolver o ciclo da auga coa posta en marcha de medidas que blindan tanto o abastecemento coma o saneamento e a depuración: “Antes pagabamos unha taxa de 600.000 euros ao ano polo mantemento do encoro de Cecebre, non eramos titulares e acatabamos unhas normas de explotación. Hoxe non pagamos esa taxa, somos titulares do encoro de Cecebre debido a que os coruñeses pagaron a expropiación dos terreos para a súa construción e ditamos as normas que regulan a súa xestión”.

Flores sinalou que o lago de Meirama é unha “oportunidade única” para garantir o abastecemento: “Hai 6 anos, anteriores gobernos investiron 10 millóns de euros en construír uns depósitos na cidade para subministrar auga durante 48 horas en períodos de escaseza e agora este goberno inviste 10 millóns de euros para asegurar a subministración durante 100 anos. Que BNG e EU-Os Verdes cualifiquen a obra de conexión do lago de Meirama co encoro de Cecebre como obra faraónica é unha insensatez sen precedentes. Ese investimento é moi razoable se logramos garantir a subministración dun ben tan prezado como é a auga a máis de 400.000 habitantes”.

9 de setembro de 2013 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.