O Plan RUA actúa esta semana no barrio do Castrillón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio que dirixe Enrique Salvador, informa de que dende hoxe luns, 9 de setembro, e ata o próximo xoves día 19, o Plan RUA realizará unha actuación integral na zona do Castrillón. Durante os próximos dez días esta iniciativa chegará a corenta rúas e prazas deste barrio, o que supón unha superficie de 55.660 metros cadrados.

Realizaranse distintas actuacións como limpeza e aseo de rúas, de áreas infantís e de rede de sumidoiros; mantemento de fontes; reposición de colectores, papeleiras, bancos, varandas e morróns; reparacións de iluminación, pavimentos e beirarrúas, entre outras. Participarán un total de 30 servizos municipais para conseguir espazos máis limpos, sostibles e ordenados coa colaboración dos veciños. Destacan a limpeza e reparación de 130 papeleiras e 330 colectores e a reposición de 3; a limpeza duns 2.800 metros de rede de rede de sumidoiros; a colocación de 200 cebos en 130 arquetas; ou a reparación de 110 deficiencias en iluminación pública. Ademais, realizarase o mantemento dos xardíns, zonas verdes e os dous parques infantís da zona. Tamén se levará a cabo o pintado de 15 pasos de peóns e 9 sinais horizontais en calzada; e o mantemento de 17 semáforos, 8 marquesiñas e 1 bandeirola.

O Plan RUA permanecerá neste barrio ata o próximo 19 de setembro e retomará os seus traballos o día 20 no barrio de Monelos para continuar despois en Labañou e O Birloque.

9 de setembro de 2013 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.