O pavillón municipal de Neda reabre as súas portas despois de sufrir unha remodelación das instalacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNeda
A-
A+
Vista das instalacións

Vista das instalacións

O Concello de Neda reabrirá este sábado, 28 de setembro, as portas dun reformado pavillón polideportivo co encontro de baloncesto entre o Universitario Ferrol e o equipo mallorquín Instituto Fertilidad-Air Europa. Partido que tamén inaugura o novo curso deportivo e que dará comezo ás sete do serán con entrada libre e gratuíta. Nesta liña, o concelleiro de Deportes, Roberto Rey, anima á veciñanza a acudir ao pavillón e disfrutar desta cita do máis alto nivel.

En concreto, a intervención, orzamentada en 53.000 euros, consistiu na reparación da cuberta e no acondicionamento e pintado das súas pistas para a práctica deportiva. A intervención era moi demandada por usuarios e persoal do pavillón dado o avanzado estado de deterioro da infraestructura. E, a imposibilidade do Concello para asumir os custes que conlevaba, levou á Administración local a solicitar a colaboración económica da Deputación. A resposta foi positiva e, deste xeito, foi a institución provincial quen aportou a financiación necesaria.

A intervención facíase necesaria ante as filtracións de auga que se rexistraban a través da cuberta en forma de goteiras e que condicionaban a utilización deste equipamento. Por iso, propúxose levar a cabo a reparación da cuberta que, entre outras accións, conlevou a montaxe de novos paneis de policarbonato, canos e baixantes de pluviais. Así mesmo, executáronse obras de saneado do parquet e pulido e pintado das canchas correspondentes ás especialidades deportivas que nela se desenvolven, como fútbol-sala, balonmán, baloncesto, minibásket e voleibol.

26 de setembro de 2013 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.