O paseo marítimo de Caión ampliarase cun tramo de 800 metros de lonxitude
A ampliación do paseo marítimo de Caión será unha realidade en poucos meses. A Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia vén de comunicar ao goberno local a resolución pola cal se concede unha subvención ao Concello da Laracha para acometer dita actuación, valorada nun total de 232.000 euros e tramitada a través do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 – Costa da Morte, por considerala como un proxecto estratéxico zonal.
A obra proxectada contempla a creación dunha nova senda peonil no borde litoral occidental da praia, desde a zona de aparcamento que dá servizo ao areal, en dirección Carballo, por baixo da coñecida como pista do Saldoiro e ata o arroio de Figueirido. A nova infraestrutura terá unha lonxitude duns 800 metros e dará continuidade ao paseo marítimo de Caión xa existente, conformándose un percorrido ininterrompido de máis de 2,1 quilómetros.
No deseño prestouse un coidado especial para, tendo en conta o seu enclave, tratar de minimizar o impacto ambiental e integrar as estruturas no medio no que se situarán. Así, está previsto o emprego de materiais naturais, como o pavimento ecolóxico terrizo e bordillos de madeira de pino. As actuacións contan cos preceptivos informes sectoriais favorables das Direccións Xerais de Conservación da Natureza e de Sostibilidade e Paisaxe e respectarán en todo momento a normativa do Plan de Ordenación do Litoral (POL).
A creación da nova senda peonil que dará continuidade ao paseo marítimo de Caión é unha vella aspiración do goberno local que se fará realidade en poucos meses. En primeiro lugar, trátase dun proxecto beneficioso para a veciñanza en xeral da vila, xa que será recuperada, acondicionada e posta en valor un ámbito de 40.000 metros cadrados de superficie que integrará a área de tránsito para peóns con espazos públicos de recreo e esparexemento. Ademais, dinamizarase turisticamente a vila e ofreceranse novos servizos e posibilidades tamén para miles de visitantes que ao longo do ano –especialmente no verán, pero tamén durante o inverno- recibe a vila que marca o inicio da Costa da Morte.
A parroquia de Caión, pola súa especial idiosincrasia, situación e características, foi obxecto, nos últimos anos de importantes actuacións co propósito de mellorar e ampliar os espazos públicos e reforzar o seu atractivo turístico. Os últimos exemplos son a recente ampliación da zona portuaria, o desenvolvemento do proxecto Mar de Caión e a creación do Museo do Arquivo da Pesca, promovido, neste caso, en colaboración coa Confraría de Pescadores.











