O “Outono Gastronómico” reune a unha trintena de casas de turismo rural da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Presentación da nova edición do "Outono Gastronómico"

Presentación da nova edición do “Outono Gastronómico”

A iniciativa inclúe a posibilidade de contratar un Bono Agasallo Outono Gastronómico para regalar unha experiencia turística a familiares e amigos. A promoción ten por obxectivo dinamizar e favorecer a desestacionalización deste segmento durante os meses de outono. O Outono Gastronómico en Turismo Rural comezou o día 13 de setembro e rematará o día 15 de decembro.

>>>>>>>>>>

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, presentou hoxe na Coruña a 7ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. A iniciativa, promovida por Turismo de Galicia, agrupa 31 casas de turismo rural da nosa provincia, das 117 de toda a comunidade.

Do Campo explicou que o programa, que comezou esta mesma semana e finalizará o 15 de decembro, ten por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promocionar a gastronomía galega, desenvolver a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais de Galicia.

Segundo explicou a delegada territorial, “o turismo rural galego é líder do Estado en Certificacións Q de Calidade Turística, o que amosa o compromiso deste sector coa calidade e o bo facer”. En Galicia existen 58 casas de Turismo Rural co distintivo de Calidade, e 29 delas están na nosa provincia.

Novidade do Bono Agasallo

Ao mesmo tempo, a máxima representante do Goberno galego na Coruña resaltou que este ano, o Outono Gastronómico ofrece por primeira vez a posibilidade de regalar unha experiencia gastronómica e rural en Galicia a través do Bono Agasallo Outono Gastronómico. A través desta iniciativa, os usuarios teñen a posibilidade de celebrar un acontecemento ou ocasión regalando aos seus amigos ou familiares un bono para gozar dun Paquete do Outono Gastronómico.

Deste xeito, o convidado terá a posibilidade de escoller calquera das casas de turismo rural da guía editada con motivo desta promoción e decidir a estadía que prefira dentro dos tres meses de duración da campaña. Deste xeito, a persoa que regala o bono pode activalo chamando ao teléfono de Turismo de Galicia ou a través do correo cir.turgalicia@xunta.es para poder regalar esta experiencia.

Diferentes opcións a elixir co mesmo prezo desde 2011

Na edición 2013, a provincia da Coruña é, xunto coa de Pontevedra, a que participa con un maior número de establecementos,ambas con 31 casas rurais. Séguelles Lugo con 29 establecementos e Ourense, con 26. Desde o 13 de setembro ata o 15 de decembro as casas de turismo rural de Galicia participantes neste programa ofrecen as seguintes posibilidades:

-Un Menú Outono Gastronómico. Pode escollerse entre dúas opcións en cada casa e cada unha delas consta de entrante, primeiro prato, segundo prato e sobremesa, café ou infusión, viños con Denominación de Orixe galega e outras bebidas. O prezo é de 30 euros por persoa.

-Un Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pasar a noite na casa de Turismo Rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.

-A terceira posibilidade consiste nunha Fin de Semana de Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres e sábado- por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.

Se os viaxeiros quixesen compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico, poden escoller a opción Fin de semana familiar gastronómica, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos .

Do Campo incidiu tamén no acto de presentación en que os prezos das diferentes opcións non experimentaron subas e mantéñense nesta edición igual que nas dúas anteriores.

Promoción por todo o territorio

Para promocionar esta iniciativa elaboráronse 10 mil guías informativas (en galego e castelán) que están a disposición do público nos propios establecementos de Turismo Rural, nas oficinas de Turismo e nos campos de golf. Distribuíronse tamén máis de 500 carteis para a divulgación do programa.

De igual modo promocionarase en medios online e offline, así como a través das redes sociais. Realizaranse sorteos a través da radio e tamén en publicacións especializadas, así como en eventos como a Volta Ciclista a Andalucía BTM, que se celebrará entre o 10 e o 13 de outubro e na que se sortearán fins de semana para dúas persoas. Tamén a través do Facebook de Turismo de Galicia realizarase un concurso para sortear 15 Paquetes de Outono Gastronómico para dúas persoas.

Na web de Turismo de Galicia haberá un apartado específico de información e descargas sobre o programa. Nel, os usuarios poderán atopar información dos establecementos participantes, menús exclusivos, así como o teléfono de información e consultas.

20 de setembro de 2013 | 01:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.