O órgano provincial destinará 30.000 euros a erradicar o chabolismo en Narón
A achega farase grazas ao convenio de colaboración que foi asinado esta mañá na sede provincial polo deputado provincial e tamén concelleiro de Narón, Miguel de Santiago, e a concelleira municipal Catalina María García Blanco.
A axuda provincial reflectida no acordo asinado é de 29.400 euros, o que supón o 10,978% do investimento total necesario para a posta en marcha do plan.
Con esta cantidade poderase cofinanciar o custo das retribucións dunha persoa licenciada en Ciencias da Educación, unha persoa licenciada en Dereito e catro diplomadas en Traballo Social que traballarán para lograr a inclusión residencial da comunidade xitana ou a usuaria de infravivendas dentro do seu termo municipal.
García Blanco mostrouse “moi agradecida” pola colaboración da Deputación da Coruña e asegurou que “so a través da colaboración entre institucións podemos facer realidade este tipo de proxectos que son tan importantes, especialmente nestes momentos de dificultades económicas e sociais que estamos atravesando”.
Pola súa banda, Miguel de Santiago recoñeceu que as infravivendas e o chabolismo “son un problema na nosa comarca e os seis traballadores que se poden contratar grazas a este convenio axudarán a cambiar a situación das familias de Narón que viven nesta situación”.











