O Museo Galego do Xoguete de Allariz duplica o número de visitantes

Visitantes ao Museo Galego do Xoguete
O novo museo galego do xoguete abriu as súas portas a principios de xuño de 2013, despois dunha reforma deseñada e realizada por un grupo de 5 empresas alaricanas agrupadas na Asociación Interruris.
Interruris cofinanciou esta reforma con diñeiro e co seu traballo técnico. Este novidoso de sistema de colaboración pretendía servir de escaparate e promoción das empresas agrupadas na asociación, xa que a miúdo desenvolven proxectos como este para os seus clientes, pero nesta ocasión, a idea era que o espazo resultante fose tamén xestionado por eles.
Para Interruris é moi importante demostrar, estes tempos de crise, que con pouco se pode facer moito, e que non sempre é necesario dispoñer de grandes presupostos para facer os pequenos museos espazos máis atractivos e sobre todo máis rendibles.
En Galicia existe un número importante de pequenos museos que a miúdo se enfrontan a graves problemas para o seu financiamento, pero Interruris está convencida de que é posible facelos máis atractivos e darlles unha saída financeira que garanta o seu mantemento, sobre todo se se confía nas empresas locais.
O museo do xoguete de Allariz, conseguiu duplicar o número de visitantes, sobre todo entre os maiores de 30 anos e isto foi grazas a un cambio de orientación nas liñas de comunicación do museo, xa que a miúdo, o gran público pensa que un museo do xoguete é só para nenos, cousa que neste caso non é certa, xa que nesta colección os xoguetes van de 1910 a 1970 e polo tanto os que máis gozan aquí son os que foron nenos nesas épocas e os nenos acompañados de pais ou avós que lles descobren o seu mundo infantil. Insistir nisto a través das redes sociais fixo posible que un número importante de nacidos entre 1940 e 1970 se achegasen ao museo.











