O luns levarase a cabo a demolición da estrutura dun edificio en Raxó

Edificio en Raxó que se vai demoler
A Axencia de Protección Urbanística (APLU) comeza o vindeiro luns, 16 de setembro, a demolición da estrutura situada no número 17 da Avenida da Toxa, no núcleo de Raxó do Concello de Poio, que se prolongarán por un período de 45 días. Trátase dunha edificación de 170 m² destinada a vivendas sitúase nunha trama urbana consolidada pola que atravesa o PQ: 10+780 da estrada autonómica PO-308 (Pontevedra- A Lanzada).
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitará a zona de actuación para supervisar as primeiras labores desta demolición, que se executará en catro fases distintas.
De feito, nos últimos días, os operarios xa estiveron a delimitar a zona de actuacións, montando as vallas de protección e sinalización, limparon o acceso á propia obra para o tránsito de maquinaria e persoal. Tamén instalaron unhas estruturas metálicas con redes para protexer o lindeiro da propia avenida, traballos incluídos na primeira fase.
A continuación, procederase á demolición da estrutura de formigón, mediante o uso dunha cizalla hidráulica acoplada a una retroexcavadora. A gran vantaxe deste método con respecto ao habitual utilizado neste tipo de accións é a súa grande capacidade de tracción e ruptura e a súa repercusión menor nas vivendas anexas.
Durante o desenvolvemento das accións non haberá ningún servizo afectado polas obras, xa que a estrutura non estaba conectada a ningunha rede, aínda que si serán necesarias restricións puntuais do tráfico en función da fase das obras, que estarán axeitadamente sinalizadas.
Cómpre lembrar que o Goberno galego, ante o incumprimento voluntario da orde de derribo, leva a cabo os traballos de demolición, cuxo orzamento ascende a máis de 98.000 euros para atender as obrigas económicas.











