O Jofre de Ferrol acolle “Curriculum vitae”, unha comedia que incide na busca de emprego e as entrevistas laborais
A compañía Redrum Producciones presenta a súa obra “Curriculum Vitae” este sábado, día 14, no Teatro Jofre. A función dará comezo ás 20:30 horas e será a que inicie a programación da nova tempada escénica da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel Reyes García Hurtado.
O espectáculo de comedia trata sobre entrevistas de traballo na que o público asistente presenciará, a través da invisible cuarta parede dunha oficina, as “curiosas” escenas que teñen lugar entre dúas persoas, cando unha delas está sendo xulgada pola outra para acceder a un posto de traballo. Humillación, enchufismo, ineptitude, abuso… vanse sucedendo nas cinco pezas que compoñen esta obra para mostrar a crúa realidade do mundo laboral. Iso si, todo contado dende o humor, que é a mellor maneira de ver as cousas serias. Os textos do espectáculo veñen da man de recoñecidos escritores e guionistas como Diego Ameixeiras, Araceli Gonda, Avelino González, Manolo Cortés e José Prieto.
Tickets para o espectáculo
As entradas poderán ser adquiridas a través de internet, na páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural); ou no propio despacho do teatro municipal.











