O IES do Milladoiro inicia o curso académico con total normalidade

O rexedor na visita ao centro
O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, achegáronse esta mañá ata o IES do Milladoiro para manter unha reunión co director do centro educativo, Rafael Baliñas, con motivo do inicio do curso escolar. Esta mañá poñíase en marcha este novo centro, que durante o curso 2013-2014 acollerá a 270 alumnos e alumnas. Ata o centro tamén se achegaron, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana Leira, e representantes da inspección educativa.
No municipio amiense, tamén comezaron as clases nesta xornada os 666 alumnos e alumnas que este ano recibirán formación no IES de Ames, situado en Bertamiráns. En ambos centros, o curso escolar comezou con total normalidade.
Tras a reunión, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, subliñou que a posta en marcha deste centro “responde a unha vella demanda da comunidade educativa e do Executivo amiense, dando resposta tamén á realidade poboacional do concello de Ames”. Pola súa banda, o alcalde de Ames fixo fincapé en que “unha das principais preocupacións do Goberno amiense é a educación e nesa liña seguimos traballando e seguiremos demandando á Xunta melloras neste eido”.
O rexedor agradeceu “a colaboración e especial sensibilidade da xefatura territorial de Educación con Ames, que permitiu acometer melloras en varios centros educativos como Barouta ou Agro do Muíño”. Santiago Amor apostou por “seguir traballando no eido da educación, mirando cara o futuro e dunha forma construtiva, pensando sempre na comunidade educativa amiense e no seu beneficio”.
O IES do Milladoiro comezou a funcionar hoxe, coincidindo co inicio do curso escolar 2013-2014. Nesta infraestrutura investíronse máis de 8 millóns de euros. O novo centro educativo contará cun programa formativo de 4 liñas de ESO e 2 liñas de Bacharelato nas dúas modalidades –Ciencias e Humanidades-; albergará 22 aulas polivalentes e 2 de pequeno grupo -16 de ESO e 8 de Bacharelato-, 3 laboratorios, 2 aulas taller, 2 aulas de plástica, 1 de debuxo, 2 aulas de música e 2 de informática, ademais das instalacións deportivas; e arrancará cun equipo docente de arredor de 25 profesores, co obxectivo de incrementalo ata case duplicalo e chegar a preto de 50.











