O I “Trofeo Concello de Oroso” de ciclismo recae en Adolfo Vicente, Antonio Portela, Alejandro Regueiro e Paula Sanmartín

Pódium cos gañadores
Os ciclistas Adolfo Vicente (elite sub 23), Antonio Portela (júnior) e Alejandro Regueiro e Paula Sanmartín (cadetes) proclamáronse os primeiros gañadores do “Trofeo Concello de Oroso” de ciclismo, disputado este sábado nun circuíto urbano polas rúas de Sigüeiro. Un campionato que pecha a temporada oficial de ciclismo (aínda que a temporada remata hoxe coa disputa do torneo de O Porriño, aprazado pola choiva) e que o concelleiro de Deportes, Luís Rey, xa confirmou que terá continuidade para 2014.
A mesma choiva que impediu disputar a proba porriñesa (pola perigosidade do firme), tamén estivo presente en Oroso, se ben as carreiras se celebraron sen incidencias e cunha entrega total dos protagonistas en pos do espectáculo que disfrutaron numerosos veciños e veciñas. Un torneo patrocinado polo Conc
ello de Oroso e organizado pola Federación Galega de Ciclismo, en colaboración co Club Ciclista Teo, no que tomaron parte un total de 95 ciclistas das categorías cadete, júnior e elite sub 23..
Triunfo ao sprint
Os ciclistas da categoría elite sub 23 depararon un espectáculo moi entretido e con loita entre todos os equipos galegos. A carreira rompeuse moi pronto, coa demarraxe de seis corredores que marcharon en solitario durante toda a estrada e que non foron alcanzados en ningún momento polo resto do pelotón. A pesar de distintas alternativas, a chegada deparou a vitoria ao sprint de Adolfo Vicente (Club Ciclista Cambre Caeiro), que contou nos metros finais coa inestimable colaboración do seu compañeiro de equipo Dani López, clasificado en segunda posición. O terceiro posto do podio foi para José Luís Mariño (Supermercados Froiz), todos eles cun tempo de 55 minutos e 3 segundos en percorrer os 45 quilómetros da proba.
A carreira júnior presentou alternativas durante os seus 27 quilómetros, se ben o ciclista Antonio Portela (El Rosal Club Ciclista) sempre se mantivo no grupo de cabeza e rematou demarrando nas últimas voltas ata gañar a carreira en solitario cun tempo de 45 minutos e 3 segundos. Apenas sete segundos despois entraron Javier González (Redondela E. C.) e Jon Ander Tomé (Club Ciclista Cambre).
Finalmente, os cadetes foron os encargados de abrir unha competición que se pechou co triunfo de Alejandro Regueiro (Compostelano Club Ciclista), que se impuxo con emoción nos últimos metros a José Carlos Amil (Ponteareas Club Ciclista) e a Diego González (Club Ciclista Cambre Caeiro). En mulleres, o triunfo foi para a campioa galega Paula Sanmartín (Vigués Club Ciclista), seguida por Vanessa Míguez (Ponteareas Club Ciclista) e Andrea Mera (Compostelano Club Ciclista).
Os premios aos gañadores foron entregados polo concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tellón; e os concelleiros de Cultura, Antonio Leira; e Seguridade Viaria, Pepe Castro.
En total, 95 ciclistas tomaron parte da primeira edición do “Trofeo Concello de Oroso”, no que participaron un total de 18 clubs ciclistas chegados de distintas partes de Galicia: Santiago de Compostela, Vigo, Padrón, Teo, Cambre, O Rosal, A Estrada, Redondela, Ponteareas, Barbanza, Marín…











