O hotel-balneario do cárcere de Ourense sairá a concurso en xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, elixiu un escenario moi especial para anunciar a data dun fito longamente esperado por todos os ourensanos: a data de inicio do proceso que sacará dun ostracismo de décadas o vello edificio do cárcere e o converterá nun gran hotel-balneario. Ante a cúpula empresarial galaico-mexicana, Agustín Fernández anunciou que a súa licitación será publicada o próximo mes de xaneiro.

A delegación ourensana convocou a unha vintena de empresarios e políticos de relevancia onte a unha reunión en México DF, entre os que destacaban Francisco de Rosenzweig Medialdua, Subsecretario de Comercio Exterior do Goberno Federal, Antonio Cortés Ogando, presidente da Unión Mexicana de Empresarios Galegos en México, Fernando Rivadeneyra, importante avogado mexicano de orixe galega, presidente da unión de empresarios galegos de Puebla, e outros importantes líderes de opinión empresariais e turísticos.

Ante eles, nunha sesión de traballo o alcalde expuxo de novo un vídeo cos proxectos termais en curso en Ourense, e explicou as oportunidades de investimento que proximamente se desenvolverán, avanzando un punto longamente esperado: a data en que o vello cárcere comezará o camiño que a saque do abando en que permanece dende hai dúas décadas.

Así, Agustín Fernández avanzou que, unha vez culminada a reordenación urbanística da zona, e co proceso de expropiación en marcha tras o último pleno, os servizos de Urbanismo do Concello lle comunicaron que a principios do próximo mes de xaneiro sairá a concurso a construción e explotación do gran balneario neste ámbito BIC.

Así, lles explicou Fernández, pecharase unha etapa desafortunada na estética da fachada urbana de Ourense, que tras décadas de incuria, converteu un espazo moi útil para todos nun inmoble “perennemente abandonado”.

A licitación e desenvolvemento desta instalación supoñerá a posta en valor dun ámbito ata agora degradado e a reordenación de todo o ámbito comprendido entre o cárcere vello e o soar de Xardín dás Burgas.

A proximidade da licitación do hotel balneario Das burgas foi acollida con satisfacción pola comunidade galega en México, cuxos representantes felicitaron o Concello por unha actuación que, malia a infinidade de dificultades administrativas, supoñerá unha remoción da fachada urbana da cidade.

Sor Salud

No capitulo emotivo, a reunión serviu ao alcalde de Ourense para trasladar os seus respectos e pedir a difusión da mensaxe investidora da cidade a un interlocutor inusual, pero de gran relevancia. Tratouse de Sor Salud, a directora do colexio Miraflores, berce educativo dos máis relevantes empresarios mexicanos de orixe ou con vínculos en Galicia, como Olegario Vázquez Raña, Carlos Slim, ou o propio presidente da República, Enrique Peña Nieto.

Sor Salud (cuxa residencia utilizou o anterior Papa como aloxamento na súa visita a México) é natural da bisbarra ourensana de Avión, e comprometeuse ante Agustín Fernández a visitar e difundir a riqueza termal de Ourense na súa próxima viaxe.

Polo que respecta ás impresións causadas entre o empresariado mexicano polas expectativas de futuro do termalismo ourensano, destacaron a súa sorpresa polo volume de tres millóns de litros de caudal subterráneo, e gabaron as posibilidades de desenvolvemento dos proxectos nas ribeiras do Miño.

14 de setembro de 2013 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.