O grao de execución do presuposto de 2012 da Coruña acadou o 80%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O pleno municipal debaterá e aprobará o próximo luns, 9 de setembro, a Conta Xeneral de 2012, que pon de manifesto que o actual equipo de goberno consolidou a súa aposta por unha administración máis áxil, transparente e accesible aos cidadáns. O Concello logrou incrementar o grao de execución do presuposto -que alcanzou o 80%, sete puntos que en 2008, o primeiro ano natural do bipartito-, así como o grao de execución dos investimentos, ao tempo que pagou todas as facturas que o bipartito deixou sen aboar aos provedores e pensou nas familias coa conxelación dos impostos e das taxas municipais e co aumento das bonificacións especiais.

A Conta Xeral de 2012 púxose a exposición pública durante o prazo que ditamina a lei, sen que se rexistrasen alegacións, nin dos grupos da oposición nin de colectivos da cidade. O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, explicou que, dentro do compromiso de máxima transparencia e participación, o 5 de abril se entregou a Conta Xeral de 2012 nun soporte dixital á oposición. O edil detallou que o documento recolle unha serie de indicadores que certifican que o Concello dispón de maior liquidez e solvencia para pagar a empresas e para a execución de novos investimentos en obras e proxectos. En concreto, o aforro bruto incrementouse nun 24,6% e o superávit alcanzou os 8 millóns de euros.

O Concello logrou, por un lado, aumentar o investimento e, polo outro, continuar cos plans de contención do gasto superfluo que permitirán ao final desta lexislatura un aforro superior aos 20 millóns de euros. Grazas ás medidas adoptadas dende o inicio do mandato, a liquidación de 2012 bota un resultado presupostario de 16,92 millóns de euros, é dicir, un incremento do 150% con respecto ao ano anterior e a garantía de que o Goberno local ten capacidade abondo non só para facer fronte aos gastos do exercicio, senón tamén para impulsar novos investimentos.

“Alcanzamos o obxectivo de reducir o gasto superfluo para reforzar o noso compromiso cos programas que desenvolve a área de Servizos Sociais e co investimento en grandes proxectos que melloran a calidade de vida dos cidadáns e, sobre todo, xeran actividade económica e emprego”, sinalou Coira.

“A Conta Xeral do ano pasado é a constatación definitiva de que seguimos no camiño correcto iniciado a mediados de 2011. Neste sentido, o informe recolle todas as medidas postas en marcha polo Goberno municipal para axudar ás familias coruñesas, como é a conxelación de impostos -que se prorrogou para 2013 e co compromiso de non subir as taxas durante este mandato- e a incorporación de bonificacións especiais na vivenda de protección oficial, en plusvalías e para familias numerosas e colectivos máis desfavorecidos”, destacou o concelleiro.

GRANDES COMPROMISOS

Coira sinalou que a Conta Xeral de 2012 tamén reflicte que o Goberno municipal cumpriu cos seus compromisos prioritarios, cun investimento estratéxico en proxectos sociais, de emprego, de promoción do deporte, en accesibilidade e rehabilitación, e na renovación de espazos públicos.

O concelleiro comparou as actuacións executadas durante o primeiro ano natural do actual equipo de goberno (en 2012) coas que o bipartito realizou (en 2008). “Multiplicamos por catro o investimento en programas sociais; por cinco en obras de rehabilitación de instalacións deportivas; por dez o diñeiro en Emerxencia Social; e duplicamos o investimento en axardinamento de vías públicas, en traballos de mellora dos colexios públicos, ou en cursos de formación de emprego”, sinalou Coira.

EXECUCIÓN

A Conta Xeral de 2012 significa un punto de inflexión fronte á tendencia negativa na que estaba inmerso o Concello durante a etapa do bipartito, cun grao de execución do 80% no presuposto de 2012, o que significa cinco puntos máis que en 2011 e sete máis que en 2008 -primeiro ano natural do goberno bipartito-.

Esta tendencia á alza mantense tamén no capítulo de investimentos. “Se descontamos o proxecto do Ofimático, onde o bipartito asinou o contrato de obra o día antes das eleccións de 2011 sen ningún tipo de garantía xurídica, o que nos obrigou a realizar un importante esforzo para regularizar o proxecto, empezar a urbanización e conceder as primeiras licenzas aos cooperativistas, obsérvase un gran salto no grao de execución dos investimentos. No pasado nunca se superaba o 40% e en 2012 logramos o 52,3%”, explicou o concelleiro.

“Non” nos conformamos “con este dato, pero a nefasta dirección económica do pasado dificulta a xestión dos recursos públicos. Espero que a oposición non vinga a dar agora leccións de economía, pois no primeiro semestre de 2011, os seis últimos meses de goberno bipartito, a execución no capítulo de investimentos alcanzou un pírrico 7%, mentres que o actual equipo de goberno chegou ao 32% entre xullo e decembro de 2011, é dicir, 25 puntos máis que o bipartito”, puntualizou Roberto Coira.

O gasto autorizado para obras de reparación e mellora de espazos públicos que executa a área de Infraestructuras alcanzou, 31 de decembro, o 86,22%. O Concello certificou así a súa aposta pola rehabilitación e a recuperación dos espazos cidadáns co obxectivo último de mellorar a calidade de vida dos coruñeses -traballos de saneamento e rede de sumidoiros, iluminación pública e de obras en vías e prazas, e o acondicionamento de espazos verdes- e de fomentar a creación de emprego. “A recuperación dos espazos públicos da Coruña ten este ano a súa continuación, grazas a un investimento programado para 2013 que supera os 11 millóns de euros”, afirmou Coira.

CONVENIOS

O Concello tamén afianzou en 2012 a súa aposta pola integración social, o deporte base, a educación, a promoción do pequeno comercio, a participación cidadá, a rehabilitación e a accesibilidade grazas aos convenios asinados con entidades da cidade que comparten co actual equipo de goberno estes mesmos obxectivos.

A Conta Xeral recolle que o Executivo municipal destinou 8,7 millóns de euros a axudas e programas de colaboración. Máis da metade do investimento deste capítulo de transferencias e subvencións foi para proxectos vinculados á integración social e a rehabilitación e infraestruturas. No caso concreto dos programas dirixidos ás persoas que máis o necesitan, o investimento rozou os 2,5 millóns de euros, o que supuxo un incremento do 21,2% con respecto a 2011.

Coira recordou que o Goberno municipal colaborou coas entidades que realizan este gran labor social na cidade, como Cruz Vermella -161.090 euros entre o Servizo Municipal de Emerxencia Social (SEMUS) e o convenio de transporte sanitario-, Padre Rubinos -140.000 euros entre o programa Calor e Café, e as actividades socioculturais e sanitarias- e a Asociación Prol Enfermos Mentais -con 100.904 euros-.

O Goberno municipal tamén promoveu accións para a rehabilitación

(2 millóns de euros); proxectos de Infraestructuras (2,15 millóns); promoción do deporte (1 millón); realización de accións culturais e educativas, especialmente dirixidas á xuventude (470.000 euros); convenios para o impulso do pequeno comercio, a formación laboral e a participación cidadá (377.000 euros); e actuacións enfocadas a favorecer a accesibilidade das persoas con problemas de mobilidade, cun investimento próximo aos 160.000 euros -neste apartado, destacan as axudas ao sector do taxi coruñés-.

INGRESOS

O grao de execución do apartado de ingresos rozou o 85%, o que permite contar cunha economía máis saneada e con maior liquidez para facer fronte aos gastos e aos investimentos programados, é dicir, dez puntos máis que en 2008 -o grao de execución foi do 75% durante o primeiro ano natural do bipartito-. Ademais, aumentouse en case un 50% a recadación en período executivo -ao pasar dos 8,8 millóns de euros en 2011 aos 12,8 millóns en 2012- a pesar de rebaixar a presión fiscal ás familias con menos poder adquisitivo.

Recadamos máis, malia manter conxelados os impostos, grazas ao compromiso dos coruñeses, que na súa maioría pagan os seus impostos no período voluntario, e grazas a que agora contamos cunha administración máis áxil, transparente e accesible, que xestiona mellor os recursos públicos,” subliñou o concelleiro de Facenda.

PAGAMENTO DE FACTURAS

Roberto Coira tamén recalcou que o actual equipo de goberno puxo o “contador a cero” e logrou pagar todas as facturas que o bipartito deixou no caixón sen aboar. “Fronte a un bipartito que demoraba en exceso o pagamento os provedores por unha falta evidente de planificación e de control da facenda local, o que puxo en risco ás pequenas empresas que traballan para o Concello, este goberno elaborou un plan de axuste que lle permitiu acollerse ao plan de pagamento a provedores do Estado para aboar os 7 millóns de euros en facturas que o bipartito deixou sen pagar”, afirmou.

Este plan de pagamento a provedores súmase aos 14 millóns xa aboados en 2011 en facturas pendentes de pagamento, obras feitas e non aboadas e en servizos públicos que non estaban presupostados durante a etapa do bipartito. “E a estes 7 millóns do plan de pagamento a provedores e aos 14 millóns de 2011, hai que engadir outros 9,7 millóns de euros en recoñecementos extraxudiciais de crédito do bipartito aos que o Concello tivo que facer fronte en 2012. Por non pagar non pagaban nin as sentenzas xudiciais e en 2012 fixemos fronte a seis millóns de euros en indemnizacións de Someso”, engadiu o concelleiro.

Ao mesmo tempo, en 2012 logrouse un aprazamento do pagamento de 5 a 10 anos das liquidacións negativas das participacións nos ingresos do Estado de 2008 e 2009 por valor de 25 millóns de euros, un desfase motivado por un erro de cálculo do Goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero.

Coira aclarou que o plan de pagamento a provedores permitiu corrixir os erros na xestión pero tamén supuxo a curto e medio prazo un sobreesforzo para a facenda local. “Por este motivo, a débeda municipal sitúase en 75,7 millóns, segundo a Conta Xeral de 2012, debido ao crédito de 7 millóns solicitado ao Ministerio de Facenda. Se non tivese sido necesario pedir este crédito, a débeda municipal tería diminuído”, lamentou.

“A 31 de decembro de 2012, lograramos reducir á metade as obrigas pendentes de pagamento con respecto a 2010. Dos 46 millóns de euros do último exercicio completo do bipartito aos 20,9 millóns do ano pasado, unha rebaixa do 45,4% “, explicou o concelleiro de Economía e Facenda, quen recordou que o “verdadeiro cambio” na tramitación de expedientes se produciu co Rexistro Central de Facturas e a Firma Electrónica, pois son dúas ferramentas que favorecen a operatividade da administración, axilizan o prazo de pagamentos e representan máis garantías para os provedores.

Nesta mesma liña de transparencia, participación e igualdade de oportunidades entre empresas, o Concello logrou aforrar máis de 2,5 millóns de euros na adxudicación de proxectos ao longo de 2012. “Fronte ao presuposto de licitación das obras e servizos que saíron a concurso durante o ano pasado, que alcanzou os 22,2 millóns, encóntrase o gasto final de todas as adxudicacións, que foi de 19,68 millóns, o que significou unha redución do 11,35% “, informou Coira.

O último índice de transparencia dos municipios, do ano 2012, sitúa o Concello da Coruña entre os mellor valorados de España: máis de dez puntos por enriba da media nacional e unha nota global de 81,3 puntos, superando a outras cidades galegas como Ourense, Pontevedra e Vigo.

4 de setembro de 2013 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.