O goberno santiagués realizará unha auditoría enerxética do alumeado público
A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, anunciou o inicio do procedemento para contratar unha auditoría enerxética das instalacións de alumeado público municipais. Estas medicións permitirán obter uns datos necesarios que serán tidos en conta no prego do novo contrato de mantemento do alumeado público, co que o Concello agarda reducir en torno ao 40% da súa factura de consumo enerxético. Segundo explicou María Pardo, esta auditoría servirá para “realizar unha análise exhaustiva das instalacións e da súa facturación enerxética, avaliando a calidade do servizo e identificando posibles modificacións e melloras, cunha análise tamén dos investimentos necesarios para optimizar e adaptar as instalacións”. A auditoría abarcará todas as instalacións de titularidade municipal, tanto executadas polo propio Concello como recibidas de promocións privadas.
Este estudo comprenderá tanto a iluminación viaria como a ornamental e calquera outro tipo de iluminación exterior fixa que se considere susceptible incluír na auditoría. Así, mediranse os diferentes niveis lumínicos e as luminarias e cadros de alumeado. Á realización desta auditoría destínase un importe de 36.300 euros, un prazo máximo de execución de tres meses.
Lembrou a concelleira que esta auditoría achegará uns datos importantes para o contrato de mantemento do alumeado público que se prevé ter listo no primeiro trimestre de 2014. O obxectivo municipal é que, grazas fundamentalmente ao cambio de luminarias e á instalación de reguladores de intensidade que teña que facer o adxudicatario, o aforro da factura enerxética poida ser dun 40%.
Esta auditoría enerxética será a primeira das dúas que vai contratar o Concello. A outra, cuxo importe de licitación superará os 100.000 euros, terá por obxecto medir os niveis de consumo e formular as medidas correctoras necesarias nos edificios municipais.











