O goberno ourensán reforzará a inspección tributaria para evitar fraudes e mellorar a recadación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense reforzará a inspección tributaria para mellorar a recadación e evitar o fraude. Con esta finalidade, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza desta mañá o expediente para contratar, por concurso, un servizo de asistencia e apoio administrativo e técnico que permita reforzar a actuación da área de inspección municipal

A empresa adxudicataria prestará servizos de asistencia e apoio administrativo e tecnico na tramitación dos procedementos de investigación, comprobación e demais facultades outorgadas á inspección dos tributos do Concello de Ourense, referente ao Imposto sobre Actividades Económicas e ao Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, así como aqueles outros que o Concello determine.

Con carácter xeral, o contrato comprende as tarefas de apoio e asistencia técnica que se consideren necesarias, mesmo a realización de tarefas de campo, agás aquelas funcións reservadas por lei a funcionarios..

O contratista realizará traballos de:

– Asistencia e apoio administrativo e técnico na elaboración anual do plan ou plans de inspección anuais en relación aos tributos en cuxa inspección colabore

– Asistencia e apoio administrativo e técnico no inicio, instrucción e finalización dos procedementros de inspección e sancionadores

– Notificacións administrativas (elaboración de documentos e realización efectiva das notificacións)

– Outras tarefas necesarias para unha correcta, eficaz e eficiente tramitación dos procedementos

A retribución do contratista consistirá nunha porcentaxe da débeda tributaria cobrada correspondente aos expedentes froito da colaboración realizada pola empresa adxudicataria.

O Concello convocará un concurso para adxudicar o contrato á mellor oferta que se reciba, tendo como criterios de valoración o prezo/retribución ao contratista, o programa de prestación do servizo e as melloras que oferten as empresas.

Sistema de expropiación para desenvolver o Plan Termal nas Burgas

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local procedeu a aprobar o cambio do sistema de actuación para a xestión urbanística do Área de Intervención do Plan Especial do Ben de Interese Cultural das Burgas, pasando ao de expropiación.

O Concello dá así cumprimento así ao acordo aprobado por unanimidade polo Pleno do Concello o día 4 de xaneiro. O cambio no sistema de actuación aprobase en Xunta de Goberno despois de que o Pleno do Concello aprobara na súa última sesión a modificación orzamentaria que dota crédito para acometer as expropiacións que permitan desenvolver a posta en valor deste Ben de Interese Cultural de acordo coas previsións do Plan Estratéxico termal de Ourense

Execución da subvención para a posta en valor das Burgas

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local completou o balance de execución da subvención concedida polo Ministerio de Educación e Cultura e Deporte ao Concello de Ourense para a execución da fase II do proxecto BIC As Burgas, que permitiu acometer actuacións de posta en valor deste ben de interse cultural, eixo do Plan Estratéxico Termal de Ourense.

Rematado o período de execución, o Concello de Ourense procedeu á xustificación dos importes executados. Estes ascenden a 1.954.837,56 euros, o que significa un grao de execución do 97,74% do total da subvención, resultando unha diferencia de 45.162,44 euros, que representan o 2,25% do total da subvención, que serán reintegrados á Administración Central.

As obras executadas consistiron, básicamente, na urbanización das traseiras das Burgas e a rehabilitación de edificios para a posta en marcha dun Centro de Interpretación, a realización de excavacións arqueolóxicas e a adquisición de inmobles para a súa utilización como aloxamentos turísticos.

Continuídade do Servizo de teletraducción para mulleres inmigrantes

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a sinatura dunha addenda no convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Secretaría Xeral de Igualdade, que permita dar continuidade un ano máis ao servizo de teletraducción para mulleres inmigrantes que ofrece o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) de Ourense.

A addenda aprobada modifica a cláusula cuarta do convenio, ampliando o prazo de duración do acordo ata o 31 de agosto de 2014, en lugar do 31 de agosto de 2013, como recollía o orixinal.

Así, e debido á utilidade e bo funcionamento do servizo, e a acollida e interese amosado por parte das mulleres estranxeiras, o CIMM seguirá ofrecendo un servizo que permite manter unha conversa sen ningún tipo de barreira lingüística, minimizando a ansiedade e o estrés que se produce pola falta de entendemento. O servizo aporta calidade e fai efectiva a asistencia social integral ás persoas estranxeiras, independentemente da súa orixe e idioma de expresión.

Martes de Entroido e San Martiño, festivos locais para o ano 2014

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou declarar como días festivos no Concello de Ourense para o ano 2014 o martes de Entroido -día 4 de marzo-, e a celebración do San Martiño -11 de novembro-.

Unha vez declarados os días festivos tanto da Comunidade Autónoma de Galicia -17 maio Letras Galegas, e 25 de xullo Día de Galicia-, como as festas de ámbito estatal para o próximo ano, correspóndelle a cada concello aprobar as dúas festas locais e remitilas á Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Así, e segundo informe da Concellería de Cultura, establécese a festividade destes dous días, “tendo en conta o arraigamento e a importancia que ten neste Concello, tanto a festa do Entroido como a festividade do patrón San Martiño”.

12 de setembro de 2013 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.