O goberno municipal propón espazos verdes, xogos infantís e a mellora da pista polideportiva na praza de Sartaña
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, entregou hoxe aos responsables veciñais de Ultramar as imaxes do anteproxecto para a reurbanización da praza de Sartaña, que quedan expostas durante unha semana no local social do barrio para a súa consulta e para a presentación de suxestións para estudala incorporación das mesmas á actuación. A previsión do Goberno Municipal é licitar o proxecto de obra en outubro co compromiso de que a praza estará totalmente remodelada o vindeiro ano.
A presentación por parte de Rey Varela das primeiras imaxes da proposta do Executivo local para Sartaña prodúcese despois de que a Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación se reunira anteriormente con responsables veciñais e residentes na zona coa finalidade de incluír no anteproxecto as súas suxestións, como así se fixo. A visita desta mañá do primeiro edil ferrolán a Ultramar enmárcase na segunda fase do Plan de Barrios; e na mesma participou tamén o edil de Medio Ambiente e Servizos. Borja Carro Muñoz, así como técnicos municipais encargados de supervisar os traballos de mellora, conservación e mantemento levados a cabo neste ámbito por parte dos servizos municipais e das empresas que traballan para o Concello.
O rexedor municipal repasou as intervencións acometidas ao abeiro do Plan de Barrios, que suman unha valoración económica duns 45.000 euros. Así, entre outras tarefas feitas en Ultramar estes días, destacan:
– Reparación de beirarrúas en Sánchez Calviño e rúa Nova de Caranza.
– Reparacións en formigón na rúa Sartaña e na praza de Ultramar.
– Pintado de máis de 5.000 metros lineais de viarios, 29 pasos de peóns, 25 cedas e 12 stops.
– Labores de limpeza e mantemento das zonas verdes do barrio, rozando a parcela entre a rúa México e Bertón.
– Revisión de parques infantís.
Así mesmo, Rey Varela anunciou que entre os meses de novembro e decembro procederase a plantar flor de estación na praza de Ultramar, na rúa Venezuela e na praza de Cuba. Tamén se levará a cabo a poda do arborado nas seguintes rúas e zonas verdes: rúa Venezuela, praza de Cuba, praza de Ultramar, rúa Uruguai, rúa Paraguai, rúa Sánchez Calviño, praza de Rafael Barez, parque de Sánchez Calviño, rúa Vila Soedade, estrada de Castela e rúa Perú.
Praza de Sartaña
O encontro de traballo de Rey Varela coa entidade veciñal de Ultramar deu tempo á presentación das imaxes de cómo quedará a praza de Ultramar tralos traballos de reurbanización da mesma, aos que o Goberno Municipal ten estimado destinar uns 300.000 euros. A previsión é licitar o proxecto definitivo e de execución das obras en outubro, e a finalidade é que a nova praza sexa unha realidade en 2014. “Estamos dando todos os pasos para cumprir con esta demanda histórica dos veciños de Ultramar e que este Goberno Municipal atenderá”, dixo o rexedor. Neste sentido, Rey Varela engadiu que “o primeiro paso foi recuperar a titularidade municipal da praza, o segundo é o anteproxecto que xa coñecedes e agora licitaremos a actuación definitiva e adxudicaremos os traballos”.
No que atinxe á nova praza de Sartaña, a intervención deseñada supón a posta en valor da pista polideportiva hoxe degradada, a creación dunha zona de xogos infantís, espazos verdes e a posibilidade de instalación de terrazas. As imaxes da actuación estarán expostas nun panel informativo no local veciñal durante a vindeira semana para a súa consulta.











