O goberno municipal de Ames anima á veciñanza a acudir como voluntarios á limpeza de ríos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, reuníronse onte co coordinador do Proxecto Ríos de Adega, Francisco Bañobre, para abordar os detalles da participación do municipio na limpeza simultánea “Móllate polos ríos”, organizada por Adega en toda Galicia para este domingo, 29 de setembro. O Concello anima aos veciños e veciñas a que participen como voluntarios nesta iniciativa medioambiental, que se celebrará en Ames por primeira vez.

O rexedor amiense explicou que a área escollida por Ames para esta actuación medioambiental é un tramo do río Sar, encadrado na Rede Natura. A actividade -aberta a voluntarios e voluntarias de todas as idades- estímase que durará desde as 10:00 ata as 13.00 horas e para apuntarse hai que facelo a través do departamento de Medio Ambiente. Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden anotarse a través do teléfono 660004665 ou do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org.

Tras a reunión, Santiago Amor subliñou a importancia desta actividade que “contribúe á concienciación na educación ambiental e ao fomento do voluntariado, un campo no que Ames ten unha grande experiencia”. Ademais, tamén se busca a continuidade dos grupos de voluntarios e á participación nesta iniciativa. O alcalde destacou que o Concello convidou a participar nesta actividade a todas as asociacións do municipio.

Voluntariado e concienciación

Ademais de Ames, nesta iniciativa participan outros 40 concellos e 55 entidades, que mobilizarán a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes municipios para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.

O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental subvencionado por Augas de Galicia e que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

A VI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrarase este ano en 41 concellos, e participarán un total de 51 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de Adega, centros de ensino…) e tamén 7 concellos -entre os que está Ames- que organizan directamente esta actividade. Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta sexta edición. A limpeza que será o 29 de setembro mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos destes 41 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.

25 de setembro de 2013 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.