O Goberno local explicará o novo Plan Xeral no Colexio de Arquitectos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A área de Medio, Territorio e Infraestruturas ofrece mañá, xoves do 12 de setembro, unha xornada para informar sobre a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) na sede coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Con esta iniciativa, o Concello prosegue coa súa aposta pola participación e por lograr que sexa un plan de todos e para todos os coruñeses.

A xornada arrancará ás 10.00 horas na sede do Colexio de Arquitectos (cale Federico Tapia, número 64) coa presentación do Plan Xeral pola secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas; e o tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado. Trátase dunha xornada aberta á participación de todos os colexiados e na que en horario de mañá (10.00-14.00 horas) e de tarde (16.00-18.00 horas) se informará sobre as principais claves do novo plan urbanístico da cidade. Por parte do Concello, os relatores serán o xefe do departamento de Plan, Óscar Peña, así como dúas arquitectas desta mesma área municipal.

O Concello cumpre así o seu compromiso de que a partir do mes de setembro se ofrecerán cursos informativos aos profesionais da cidade para explicarlles todas as novidades incluídas no Plan Xeral de Ordenación Municipal. O Goberno municipal segue co seu obxectivo de lograr que o novo Plan Xeral sexa o plan de todos e para todos os coruñeses. Ese compromiso coa transparencia púxose de manifesto durante os últimos dous anos de tramitación: por exemplo, pódense consultar tanto as normas coma as fichas do documento na páxina web municipal -www.coruna.es/urbanismo-.

11 de setembro de 2013 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.