O goberno de Teo advirte á veciñanza do incremento de roubos no cableado eléctrico municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaTeo
A-
A+

Cemiterios, campos de fútbol, escolas ou espazos públicos son algúns dos sitios nos que no último ano os ladróns roubaron cableado eléctrico no Concello de Teo. Esta mesma fin de semana tivo lugar a substración do cableado subterráneo no campo de fútbol do Praíña e no cemiterio de Luou.

No último ano, segundo as estimacións do Departamento de Servizos Básicos, dirixido por Xurxo Francos, houbo roubos de ó redor de 2.000 metros de cable cun custe de reposición superior ós 8.000 euros. De feito nos últimos meses tense notado un incremento destes actos de vandalismo, que xeneran un grande prexuízo económico nas arcas municipais.

Segundo relata Xurxo Francos nos últimos meses “roubaron diferentes cantidades de cableado nos campos de fúbol de Recesende e do Praíña, no Xirimbao e na Burga, nos cemiterios de Oza e Luou, na escola vella de Solláns, no campo da festa de Cacheiras, no entorno do Raxó e na recta da Ramallosa, dende a rotonda dos Catro Camiños ata preto do Concello”. O edil do que depende o alumeado público destaca ademais que “na maioría dos casos trátase de trifásico, máis caro aínda que o cableado monofásico”.

Dende o Concello anímase a calquera persoa que vexa algo sospeitoso en relación con estas actuacións vandálicas a que alerten ás forzas de seguridade. O gasto deste material, que precisamente se substrae polo seu alto coste, ten un custe de reposición moi elevado.

Dende Servizos Básicos estase estudando cada caso para realizar unha reposición o máis axustada ás necesidades e priorizando as zonas segundo a necesidade do alumeado. Deste xeito no campo de fútbol do Praíña (Reis) farase a reposición como xa se fixo durante o verán nas instalacións do Recesende xa que a falla de luz deixa inutilizados estes equipamentos para o seu uso. Nalgunhas zonas, por exemplo en espazos sen vivendas, non se está repoñendo polo momento así como en lugares apartados como a Burga ou o Xirimbao, nos que a iluminación nocturna non se considera tan necesaria. De feito no Xirimbao mesmo tentaron levar unhas luminarias que finalmente se retirarán. Trátase de sitios apartados especialmente fáciles para este tipo de roubos, polo que “repoñer o cable non parece o máis adecuado xa que de seguro nos podemos atopar con outro roubo en poucas semanas” explica Xurxo Francos.

No cemiterio de Oza por exemplo deixáronse sen uso as luminarias e instaláronse uns focos que se utilizan só cando ten uso o aparcadoiro, unha solución que se falou e coordinou con representantes do patronato do cemiterio. Deste xeito dificúltase a posibilidade doutro roubo no mesmo lugar.

16 de setembro de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.