O goberno de Gondomar constrúe 4 pasos elevados para eliminar as barreiras arquitectónicas nas rúas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

O Concello de Gondomar, a través da Concellaría de Vías e Obras, que dirixe Jesús Salgueiro, vén de finalizar as obras de asfaltado e pintado da rúa Eduardo Iglesias e a Avenida do Conde, situadas na zona urbana do municipio, tras case dúas semanas de traballo.

A actuación, froito dun convenio coa Xunta de Galicia, consistiu no levantamento das arquetas para a posterior extensión do novo pavimento. Finalmente procedeuse ao pintado da sinalización horizontal. Á súa vez construíronse catro pasos peonís elevados que, ademais de mellorar a seguridade viaria obrigando a reducir a 30 a velocidade nestas zonas, nivelarán os pasos para peóns coas beirarrúas. “Unha acción que eliminará as barreiras arquitectónicas e mellorará a mobilidade nestes espazos”, afirma Jesús Salgueiro, responsable da Concellaría de Vías e obras do Concello.

Accesibilidade e seguridade

A construción destes pasos para peóns responde ao compromiso adquirido polo Concello de Gondomar de eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a accesibilidade e a seguridade na mobilidade nos espazos públicos a persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade visual.

Deste xeito, o Concello avanza no seu propósito de suprimir as barreiras arquitectónicas nas súas rúas dotándoas dunha maior comodidade e accesibilidade, que mellorará a mobilidade dos veciños e veciñas, á vez que se incrementará substancialmente a seguridade do tráfico de peóns e vehículos pola zona.

Mellora da suba ao Centro Cultural de Vincios

Esta nova actuación súmase a outras iniciativas acometidas polo goberno local co fin de proseguir coa mellora dos seus viais. Entre elas, cabe destacar as obras de pavimentación e mellora da suba ao Centro Cultural de Vincios.

A obra responde á demanda da Asociación de Veciños que levaban solicitando varios anos a mellora do tramo, cuxa mala situación impedía a circulación de vehículos. “Os veciños víanse obrigados a subir a pé unha costa de 500 metros aproximadamente, xa que o autobús non podía acceder ao Centro Cultural debido ao mal estado do tramo”, explica Salgueiro.

18 de setembro de 2013 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.