O goberno de Cambre fai un chamamento á colaboración veciñal ante a proliferación de pintadas nos colexios públicos

Pintandas nun dos centros educativos
A primeira tenente de alcalde de Cambre e edil de Educación, María Jesús González Roel, pide a colaboración veciñal ante a proliferación de pintadas nas fachadas dos colexios públicos, un problema que é extensivo en todo o municipio sobre todo nos núcleos urbanos, en fachadas de edificios, comercios e garaxes. González Roel recorda que o pasado 20 de agosto se pintou unha fachada do CEIP Portofaro que custou aos cambreses preto de 2.000 euros e que dous días despois apareceu totalmente pintada. Hoxe elimináronse as pintadas do devandito centro educativo coa axuda dos conserxes do propio colexio, pero a concelleira asegura que para evitar que volva ser grafiteada os autores destas pintadas deben saber que existen zonas habilitadas polo concello como a pista de Skate onde poden pintar cos seus “sprays” sen danar o mobiliario público.
Destacou o enorme esforzo que está a facer o goberno municipal para limpar estas pintadas, co seu alcalde Manuel Rivas como máximo impulsor, para ter un concello limpo, agradable, habitable, tal e como queren os veciños de Cambre. “Non” podemos consentir “que un reducido grupo pinte ao seu antollo os muros coas súas firmas, porque tampouco é belo o que pintan. O exemplo máis claro témolo no Tempero onde moitos comerciantes se puxeron en mans de grafiteros para decorar de forma artística os seus muros e evitar que as ensucíen estas pintadas sen sentido”, destacou a edil popular.
Dende hai anos este é un dos problemas máis difíciles de combater na Barcala, Cambre e O Tempero, posto que estas pintadas se realizan de noite e moitas veces os responsables saen impunes. A edil quere deixar claro que existen espazos reservados para este tipo de pintadas e pide os responsables que reflexionen sobre o dano que causan aos veciños por estes actos.
Recorda que as multas por realizar grafitis nas fachadas do municipio, ou calquera outro elemento urbano público (valos, mobiliario, piares ou estruturas de grandes infraestruturas, pavimentos, equipamentos infantís…), poden chegar ata os 3.000 euros.











