O goberno de Ames agradece a colaboración veciñal na extinción dos tres incendios rexistrados no municipio
Durante a pasada madrugada Ames rexistrou ata tres incendios forestais en diferentes puntos do concello que quedaron controlados ás primeiras horas da mañá grazas ao importante despregue de medios de extinción. O Concello de Ames agradece a colaboración da Xunta de Galicia, dos concellos de Santiago e Brión e dos veciños e veciñas nos traballos de extinción dos lumes. As zonas afectadas polos incendios forestais foron Agro do Muíño (parroquia de Ortoño), Ameixenda e Castiñeiro do Lobo (parroquia de Ames). Especialmente perigoso foi o incendio rexistrado en Agro do Muíño, debido á súa proximidade ás vivendas da urbanización situada a poucos metros do foco e ao colexio. As condicións meteorolóxicas, especialmente o forte vento, complicaron as tarefas de extinción, aínda que finalmente os lumes quedaron controlados.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, estivo presente na zona desde o primeiro aviso e desprazouse durante a madrugada ás distintos zonas afectados polo lume. Estivo acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, e polo concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar. Ao longo da noite, achegaronse a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; o secretario xeral do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, e o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva. Ata a zona tamén se trasladou o alcalde de Brión, José Luís García, e o concelleiro de Seguridade Cidadá de Santiago de Compostela, Luis Bello.
Nas tarefas de extinción destes incendios participaron numerosos medios de extinción e de seguridade, como a Policía Local de Ames, que reforzou os seus medios durante a noite, o GES con sede en Brión ou os Bombeiros de Santiago. Tamén colaborou a motobomba municipal e o camión nodriza de Urbaser suministrando auga á cuba lanzadora do Concello. O dispositivo municipal estivo operativo ata as dez da mañá e continuará alerta durante toda a xornada. Unha vez controlados os incendios, desprazouse ata os distintos lugares unha retroexcavadora para facer labores de cortalumes.
O incendio forestal de Agro do Muíño iniciouse ás 22:36 horas e quedou controlado ás 05:43 horas da madrugada, segundo a información da Consellería do Medio Rural. En total, a superficie afectada foi de 22,4 hectáreas. Na extinción participaron 7 axentes, 12 brigadas, 5 motobombas e unha pala.
No lugar de Ameixenda o incendio forestal orixinouse ás 00:53 horas e quedou extinguido ás 07:44 horas. Neste operativo participaron 4 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas e unha pala. Por último, na zona de Castiñeiro do Lobo o lume afectou a unha superficie estimada de 1,3 hectáreas. No lugar traballaron 2 axentes, 2 brigadas e 2 motobombas.











