O Goberno da Coruña inviste 82.820 euros na construción dunha solución graduada no paseo marítimo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello adxudicou unha nova fase do proxecto de reordenación do bordo litoral. A Concellaría de Infraestruturas investirá 82.820 euros nas obras de integración e ampliación do paseo marítimo entre a praza de Portugal e a rúa Pondal. Neste tramo, onde a ondada derrubou a finais de 2010 a balaustrada, inclúese a construción dunha bancada en forma de miradoiro para favorecer a accesibilidade á praia e a conexión deste ámbito natural coa trama urbana.

O proxecto adxudicouse á empresa Abeconsa por 82.820,40 euros, o que significa un aforro do 21,6% con respecto ao presuposto de licitación, que foi de 105.665 euros. O Concello desenvolverá esta obra de acordo ás conclusións extraidas do concurso de ideas de reordenación do bordo litoral ao que se presentaron un total de 83 propostas, dentro da política municipal de favorecer a participación activa dos cidadáns.

O departamento que dirixe Martín Fernández Prado destaca que os traballos se axustarán aos obxectivos marcados no proxecto final, coa integración e ampliación do paseo, a eliminación das barreiras físicas e a creación dun mellor acceso ao areal de Riazor.
Infraestructuras inclúe no proxecto a eliminación da balaustrada actual do paseo entre a rúa Pondal e as escaleiras situadas xunto ao Praia Club. Para salvar o desnivel proxéctase unha bancada, que en función da altura dispoñerá de ata tres bancadas cunha pendente lonxitudinal idéntica á do paseo marítimo e que facilitará a comunicación da praia. As bancadas confórmanse a base de macizos de granito, cuxas pezas se asentarán sobre a base de formigón. Ademais, na metade do ancho da bancada inclúese a construción duns chanzos adicionais de granito duro para favorecer a accesibilidade ao areal de Riazor.

O proxecto de Infraestructuras propón ademais a substitución do pavimento na zona do paseo que se encontra á mesma cota que a estanza inferior, por outro firme de formigón imprimido de 24 centímetros de espesor e un rematado idéntico ao que existe actualmente no propio paseo. Para favorecer o acceso aos aseos públicos, instalarase unha varanda de aceiro inoxidable das mesmas características á que xa se colocou na zona das Escravas. Debido a estes traballos de integración e ampliación do paseo marítimo, recolocaranse tres papeleiras e un colector de vidro, así como colocaranse un sumidoiro e unha arqueta de iluminación pública.

PLAN GLOBAL

As obras enmárcanse dentro dun plan global que se iniciou coa remodelación do paseo marítimo que se concluíu o ano pasado a tempo para a celebración das Cacharelas de San Juan, cando se reformaron 10.000 metros cadrados
-un tramo de 1,4 quilómetros entre a zona das Escravas e a fonte dos Surfistas- e significaron un investimento final de 741.000 euros.

O Concello tamén axilizou a tramitación de fase do proxecto de renovación do paseo marítimo comprendido entre a rúa Sol e a escalinata de acceso á praia de Matadero, pois a finais de agosto sacou a concurso a execución desta obra. Cun investimento de 471.946 euros para a construción de beirarrúas e carril bici na zona do colexio de Salesianos, a área de Infraestructuras renovará un novo tramo de 350 metros de lonxitude. O obxectivo é que os traballos se executen nun prazo máximo de seis meses, para que estean concluídos antes das festas do San Juan de 2014.

Os cidadáns dispoñerán dun paseo peonil de máis 4 metros de ancho e dun carril bici, doutros 2 metros de anchura. Deste xeito, executaranse tramos de carril bici que agora non existen, o que permitirá contar cun paseo para bicicletas practicamente ininterrompido de máis de 10 quilómetros -entre O Portiño e O Parrote-. Esta nova fase tamén recolle outra serie de actuacións para dar continuidade ás obras xa executadas por Infraestructuras, entre as que destaca un beiril de 2 metros de ancho nun tramo de 40 metros de lonxitude -entre a Fonte dos Surfistas e a escalinata de acceso ao areal do Orzán-, que permitirá ampliar a sección do paseo nun punto onde agora a plataforma se ve recortada polo trazado das vías do tranvía.

21 de setembro de 2013 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.