O goberno da Coruña concede un 12% máis de bolsas comedor que no anterior curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, informou esta mañá de que o Concello da Coruña incrementa, un curso máis, o número de bolsas comedor concedidas grazas ao esforzo investidor e á eliminación, de novo, das listas de espera: “Este curso académico concedéronse un 12,6% máis de bolsas, o que supón un incremento, con respecto ao curso 2010-2011 do 31% “, destacou.

Durante 2013-2014, un total de 703 nenos e nenas poderán beneficiarse desta importante axuda coa que o Goberno local aposta por favorecer hábitos saudables entre os menores a través dunha dieta equilibrada, á vez que apoia as familias con problemas para conciliar a vida laboral e familiar.

Tal e como explicou Miguel Lorenzo, pasouse das 614 bolsas concedidas o pasado curso ás 703 do actual e atendeuse ao 100% das solicitudes das familias que cumprían os requisitos, polo que non hai lista de espera nas Bolsas Comedor, coherentemente co establecido por esta Concellaría no ámbito do Servizo Municipal de Axuda a Domicilio, da Teleasistencia Domiciliaria, do Talón Restaurante ou doutros programas.

Grazas á aposta deste Goberno local, que ano tras ano incrementa o presuposto destinado a Servizos Sociais, estamos en condicións de garantir que ningún neno nin ningunha familia que cumpra os requisitos vai quedar sen bolsa comedor. Como sempre dixemos, se fose necesario un maior presuposto consignaríase. A nosa prioridade son as familias”, sentenciou e informou de que o presuposto para este curso que comeza se incrementou un 13% ao aumentar en 75.000 euros con respecto ao ano pasado e alcanzar os 550.000 euros.

O concelleiro explicou que o número de nenos e nenas que recibirán unha bolsa de ata 98 euros mensuais se incrementou un 14% con respecto ao pasado curso, mentres que os nenos que recibirán unha bolsa de ata 75 euros ao mes aumentou un 12%: “As axudas adxudícanse segundo as necesidades de cada familia e sobre a base de criterios que teñen que ver coa situación familiar, social e laboral dos pais, a situación económica da unidade familiar e a situación social do menor”, aclarou.

Miguel Lorenzo recordou que a principal novidade foi ampliar esta axuda aos menores que cursen Bacharelato e ciclos de grao medio de Formación Profesional. Deste modo, as bolsas nos comedores escolares destínanse ás unidades familiares con menores ao seu cargo en segundo ciclo de Educación Infantil; Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato ou ciclos de grao medio de Formación Profesional, con domicilio na Coruña e que cursen os seus estudos en centros públicos ou concertados, do termo municipal con servizo de comedor: “O noso obxectivo foi ampliar o tramo de idade para que todos os menores que o necesiten, entre os 3 e os 18 anos, poidan recibir esta importante axuda”, concluíu.

10 de setembro de 2013 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.