O goberno autonómico cofinanciará o soterramento de infraestruturas eléctricas na Piña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable das áreas de urbanismo e obras públicas, mantiveron esta mañá unha reunión na Coruña con Belén do Campo, delegada territorial da Xunta de Galicia, na que lles comunicou que a Consellería de Economía e Industria cofinanciará a obra de soterramento de infraestruturas eléctricas no núcleo de A Piña.

A actuación foi promovida conxuntamente polos Concellos da Laracha e de Carballo ao ser A Piña un núcleo de poboación limítrofe, situado entre as parroquias de Vilaño (A Laracha) e de Sofán (Carballo).

A actuación ten por obxecto soterrar as infraestruturas eléctricas nas inmediacións da capela de San Adrián, isto é, as redes de alta e baixa tensión e a referida á iluminación pública. Isto permitiría eliminar o cableado aéreo, aumentar o espazo en superficie para maior comodidade de vehículos e peóns e mellorar a estética en toda esta zona.

Así, investiranse os máis de 109.000 euros nos que está valorado o proxecto entre a achega económica da Xunta de Galicia –con cargo á convocatoria de subvencións para o soterramento de infraestruturas eléctricas que transcorran por un ou varios termos municipais na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (DOG Núm. 97 do 23 de maio de 2013)-  e a correspondente aportación de ambos municipios.

Ademais deste proxecto, o Concello da Laracha tamén promoveu con Carballo a mellora dos accesos cara o parque empresarial desde a estrada DP-1909, que tamén contará co financiamento da Xunta de Galicia, igual que o obradoiro de emprego que se está a organizar con Arteixo e que comezará a desenvolverse en próximas datas.

17 de setembro de 2013 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.