publicidade hoxe

O GDR Mariñas – Betanzos apunta ao voluntariado ambiental para protexer a reserva da biosfera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoBetanzosLocal
A-
A+

O Grupo de Desenvolvemento Rural “Mariñas – Betanzos” e a Fundación Fragas do Mandeo celebran hoxe a Xornada sobre a Custodia do Territorio denominada “A implicación cidadá na conservación da natureza”. O Edificio do Liceo de Betanzos foi o escenario elixido para un dos actos principais da II Semana de Custodia do Territorio, que reúne a medio centenar de participantes.

O presidente do GDR, José Antonio Santiso, acompañado do alcalde de Betanzos, Ramón García, foi o encargado de inaugurar o programa. Como non podía ser doutra forma, a nova reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo centrou o acto inaugural.

Santiso apuntou ao voluntariado ambiental como forma de implicación cidadá no coidado dos elementos naturais e etnográficos da reserva. “Hai que fomentar que os cidadáns tamén se animen a comprometerse e sintan a satisfacción de participar en accións directas e eficaces para mellorar o noso medio ambiente”, salientou.

O responsable do GDR enxalzou o papel de todas as entidades de carácter ambiental coa reserva da biosfera. A súa implicación está a ser “exemplar” traballando para que a reserva consiga espertar a conciencia cidadá.

O alcalde de Abegondo amosou o seu “convencemento” de que a reserva debe impulsar unha conciencia de educación ambiental entre todos os veciños. “Sería o seu logro máis importante”, recoñece.

A xornada xunta aos seguintes relatorios:

Os relatorios e relatores que estarán nesta xornada detállanse a continuación:

* Rafael Beceiro, coordinador do Proxecto Esmelle: NA PROCURA DUN VAL CHEO DE VIDA.

* Gonzalo Sancho Blanco, Presidente da Asociación Vaipolorío: POÑENDO UN RÍO NO MAPA.

* Diego R. Vieites, Secretario da Asociación Fontaiña: DE PRAIAS DEGRADADAS A DUNAS PROTEXIDAS

* Encarna González., Coordinadora de SEO/Pontevedra: CANDO A ACCIÓN DUN GRUPO LOCAL MARCA A DIFERENZA

* Antonio Alvarez, Presidente da Asociación Castiñeiro e Nogueira: CAMIÑOS CON HISTORIA NO BOSQUE AUTÓCTONO.

* Fernando Bandín, Presidente do padroado de Fragas do Mandeo: TRES ANOS CUSTODIANDO NAS MARIÑAS.

Santiso destacou as oportunidades da custodia do territorio para a conservación, recuperación e posta en valor dos recursos naturais, así como para a xeración de emprego.  O presidente animou a este tipo de encontros dos que poden “xurdir futuros proxectos de cooperación”.

Próximas actividades na II Semana de Custodia do Territorio:

XORNADA DE VOLUNTARIADO DOMINGO 29-9-2013

Limpeza simultánea dos ríos galegos

Imos participar nesta sétima edición coa limpeza do río Mendo dende a ponte das Moas até Roibeira (Betanzos). Unha magnífica forma de coñecer este río, comprometéndonos na súa conservación e gozando da paisaxe desta ruta de 10 km. Ponte en contacto con nós.

XORNADA DE VOLUNTARIADO SÁBADO 5-10-2013

Deseucaliptización nas fragas do río Mandeo

O eucalipto ten un forte impacto ecolóxico e paisaxístico. Se deveces pola súa ausencia nos espazos naturais, súmate á súa eliminación nas fincas mercadas por Fragas do Mandeo para recuperar o bosque autóctono e mellorar as condicións ambientais das marxes do río Mandeo. Ponte en contacto con nós.

EXCURSIÓN DOMINGO 6-10-2013

Visita á lagoa de Sobrado

Aínda que este humidal ten un gran valor ecolóxico, non forma parte da rede de espazos naturais protexidos de Galicia. Guiados por especialistas, visitaremos as fincas e o observatorio que custodia Fragas do Mandeo na súa contorna, observaremos as aves e nos achegaremos ó mosteiro que construíu esta lagoa. Saída ás 9:00 horas dende o ambulatorio de Betanzos, con chegada aproximada ás 18:00 horas. Leva calzado axeitado para camiñar, comida e bebida; non esquezas os teus prismáticos. Reserva a túa praza no autobús.

28 de setembro de 2013 | 22:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.