O Fórum Metropolitano acolle un curso de orientación laboral enfocado aos xóvenes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Xuventude, informa dun curso de orientación laboral dirixido a mozos de entre 16 e 35 anos, que se celebrará o 17 de setembro no Fórum Metropolitano.

Os obxectivos do curso, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e que conta coa colaboración do Concello, serán facilitar o acceso ao mercado laboral da xuventude coruñesa a través da mellora das súas capacitacións profesionais, e proporcionar os medios necesarios para compatibilizar o desenvolvemento profesional coas esixencias da vida persoal e familiar.

Nos contidos do curso impartirase unha introdución sobre as técnicas de busca de emprego, e traballaranse ferramentas básicas na busca de traballo como a carta de presentación, o currículo e a entrevista. A inscrición estará aberta ata o 13 de setembro, a través da web www.coruna.es/nex, ou ata esgotar prazas, e será gratuíta.

Os interesados poderán obter máis información poñéndose en contacto co Centro Municipal de Información Xuvenil, chamando ao teléfono 981 18 42 94 ou a través do correo electrónico cmix@coruna.es.

4 de setembro de 2013 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.