O Feirón de Neda será escenario da campaña “Separemos ben. Reciclaremos mellor”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNeda
A-
A+

Favorecer a recollida selectiva e reducir o número de impropios –residuos que son depositados de forma equivocada nos colectores de reciclaxe– é o obxetivo da campaña “Separemos ben. Reciclaremos mellor” que este sábado, 28 de setembro, chegará a Neda. Coincidindo coa celebración do Feirón Mensual, un camión-aula móvil ubicado na praza da casa consistorial con monitores especializados informará e asesorará á cidadanía. Así mesmo, cada persoa que se achegue á aula e cubra unha enquisa de coñece-mentos recibirá un obsequio.

Esta campaña informativa está promovida pola Consellería de Medio Ambiente, xunto con Ecoembes, Sogama, Ecopilas, ERP e Ecolec e, fundamentalmente, pretende incidir diretamente na poboación para que esta comprenda a importancia de mellorar a clasificación dos residuos xerados nos seus fogares. E así, desta forma, se logre que cada concello reduza a cantidade de materiais non desexados nos colectores amarelos. E é que, a pesares de que nos últimos tempos mellora a concienciación ambiental do consumidor, a día de hoxe aínda existen algunhas dúbidas á hora de separar corretamente os residuos nos fogares. Segundo datos de Ecoembes, o 22,9% dos residuos do colector amarelo (envases de plástico, latas e bricks) e o 2% do colector verde (residuos non reciclables) son impropios.

Deste xeito, os principais residuos impropios que se depositan no colector amarelo son perchas, xoguetes, pequenos electrodomésticos, roupa, discos compactos, cintas de vídeo ou audio, pañais ou envases doutros materiais como caixas de cartón ou tarros e botellas de vidro. E no que se refire ao colector verde, aínda que o consumidor “acerta” máis á hora de depositar os seus residuos, aínda se atopan materiais e restos especiais que terían un destino máis favorable e seguro se se levasen a un punto limpo (cerámica, porcelana, vasos e copas de cristal, envases de medicamentos, etc.). Nesta liña, dende o Concello invítase á cidadanía a achegarse este sábado á praza da casa consistorial e coñecer de preto esta iniciativa.

26 de setembro de 2013 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.