O executivo vigués valida a urbanización de Poulo con 753 vivendas
Abel Caballero deu conta este venres da aprobación definitiva do Plan Especial de Reforma Interior de Poulo, 133.000 metros cadrados detrás do Centro Comercial Travesía que finaliza así a súa tramitación administrativa. A urbanización do ámbito contempla máis de 25.000 metros cadrados de zonas verdes e 10.000 para equipamento.
O PERI sitúase detrás d Centro Comercial Travesía, entre a súa Rorís polo norte, Cantabria polo oeste e o sur e o Camiño de Poulo, Camiño de Vista do Mar e Camiño de Poulo (parroquia de Teis).
Abel Caballero explicou que a aprobación é un “avance moi importante” que remata coa tramitación administrativa do ámbito e agora será a propiedade a que debe impulsar a fase de construcción, para o que estima un prazo aproximado de ano e medio ou dous anos.
Xunto aos 517 estacionamentos públicos previstos, o alcalde fixo fincapé no montante de vivendas a construir neste espazo, un total de 753, das que 560 estarán en pisos de ata seis alturas e outras 193 serán unifamiliares. En todos os casos, o Concello obriga á reserva do 42% das mesmas para vivendas protexidas.
Coia
A Xerencia de Urbanismo deste venres aprobou o Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reurbanización dos espazos interiores no grupo de 502 vivendas das rúas Bueu, Moaña, Vilagarcía e Camiño da Raposa, en Coia. Grazas a este paso, nesta área de 15 bloques de edificios -onde habitan moitas persoas de avanzada idade- poderán ser instalados ata 45 elevadores.
Paralelamente, o Concello de Vigo tramita a declaración deste polígono como Área de Rehabilitación Integral, ata agora aplicada aos cascos históricos, que ampliará a posibilidade de acollerse a subvencións, que poderían costear entre o 40 e o 75% do orzamento total.
Falperra
O alcalde de Vigo informou asemade da aprobación do gasto de 81.400 euros e os pregos de condicións para contratar a demolición dun inmoble en ruinas no número 30 da rúa Falperra, traballos que asume o Concello de xeito subsidiario ao non acometelo a propiedade.
O goberno local, ante os informes técnicos alertando dos riscos de seguridade do edificio, retirara no 2010 a cuberta, a cornisa e as barandas metálicas das fiestras. No 2011, o Concello tamén apuntalou a fachada do edificio.











